A poesía e a música únense no V Recital 'SOS Castelo de Navia 'este sábado

A vila de Navia de Suarna converterase o vindeiro sábado, 7 de xuño, nun epicentro de cultura e emoción coa celebración do V Recital Poético Musical 'SOS Castelo de Navia', organizado pola Asociación Veciñal Irmandade Naviega coa colaboración do GDR3 e o Concello de Navia de Suarna.
O evento, que se estenderá desde as 12:00 ata as 20:30 horas, propón unha xornada completa de literatura, natureza e música, reivindicando ao tempo o valor patrimonial e humano da comarca.
Pola mañá, celebrarase un paseo literario pola vila da Proba de Navia e a súa contorna, deténdose en distintos espazos para a lectura compartida de poesía. Ás 12:00 horas, no Pé do Horro de Couso, comezarán os recitados a cargo de José Blázquez, Mónica Caldeiro, Genaro da Silva, Xosé Manuel do Castro e Toño Núñez. Media hora máis tarde, na Ponte Medieval, será a quenda de Tino de Féliz, Eva do Roxo, Beatriz Dourado, Baldomero Iglesias e Suso López. Ás 13:00, Caudatorre acollerá as voces de Luís López Alonso, Roberto López Veiga, Miguel Anxo Macía, Nieves Neira e Uxío Novoneyra; e ás 13:30 no Subcastelo recitarán Xosé Otero Canto, Xulio Pardo de Neyra, Xerardo Quintá e Rafa Ramos.
A mañá rematará cun acto moi especial: a inauguración do Parque da Poesía de Navia, que contará con poemas de poetas locais como Eva do Roxo, Beatriz Dourado, Tino de Féliz e Toño Núñez. A lectura destes versos estará acompañada pola actuación do grupo de cantareiras A.C. Deiquí, que tamén porá música ao principio e ao final do acto. Despois, celebrarase un xantar colectivo aberto a todos os participantes.
Xa pola tarde, a actividade trasladarase á aldea de Barcia, onde baixo o horro de Casa Quiñones terá lugar unha nova quenda de recitados. O broche de ouro chegará de volta á Proba, na cafetería Suarna ás 19:00 horas, cun recital de peche que incluirá intervencións poéticas e a actuación musical de Paloma Suanzes, Tania Capón e Mero.