A Policía Local acolle este mes a tres estudantes de Criminoloxía en prácticas

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu a tres estudantes do Grao de Criminoloxía que comezaron neste mes de abril as súas prácticas externas curriculares na Policía Local do Concello de Lugo. Durante estas catro semanas, dúas alumnas da Universidade Internacional da Rioxa e un alumno da USC achegaranse ás distintas dependencias que coordínanse a diario con corpo municipal, para coñecer de primeira man as súas funcións e servizos de cara á garantir a seguridade cidadá, ao tempo que a Policía Local renova o seu compromiso coa formación universitaria e a transferencia do coñecemento.
Neste sentido, o alcalde de Lugo destacou que “esta colaboración permitirá ao alumnado un contacto real coa seguridade cidadá que desenvolve este corpo, pero tamén que as e os estudantes poidan achegar a súa mirada externa, e contribuír a enriquecer os distintos procesos operativos nos que intervén a Policía Local, de forma que é positivo tanto para o alumnado como para o propio corpo”.
A iniciativa deste convenio de colaboración responde á demanda dos propios centros universitarios de ofrecer ao seu alumnado un contacto real coas estructuras policiais e a seguridade cidadá. De feito, ao longo destas catro semanas, as dúas estudantes da UNIR e o alumno da USC, desenvolverán as prácticas formativas externas, que se distribuíron en seis bloques para ter unha visión global e das funcións de prevención e xestión que realiza a Policía Local en cada un deles. O primeiro bloque abordará a estrutura e organización institucional; o segundo, o relativo a tráfico e seguridade viaria; outra semana estará reservada a coñecer o sistema VioGén, á actuación en materia de violencia de xénero, perfís dos agresores e visita á Casa da Muller do Concello de Lugo. A seguinte semana achegaranse á actuación da Policía Local en casos de marxinación social, coa visita ao Fogar do Transeúnte e aos servizos sociais municipais, e todo o que se refire á tecnoloxía policial, como videovixilancia e marco legal das novas tecnoloxías na Policía Local. Os últimos días, os tres estudantes elaborarán os seus respectivos informes finais e unha presentación oral das súas propostas criminolóxicas para este corpo, baseadas na súa observación directa e nos análises realizados durante as catro semanas previas.
Un inspector da Policía Local será o encargado de supervisar diariamente ao alumnado en prácticas e de acompañalos ás distintas actividades programadas, ademais de para custodiar e garantir a confidencialidade da información. Ademais actuará como enlace con outras entidades externas á Policía Local, como os Xulgados, a Casa da Muller, Servizos Sociais e a Fogar do Transeúnte.