A Policía Local contará cun centro de control móbil en San Froilán
O executivo de Paula Alvarellos impulsa a contratación dun centro de control móbil para reforzar o dispositivo de seguridade das festas do San Froilán. O obxectivo é dotar á Policía Local dunha ferramenta avanzada que permita supervisar o recinto en tempo real, reducindo o tempo de resposta ante calquera incidencia e facilitando unha intervención inmediata e precisa. "É como ter un par de ollos en cada punto do recinto, o que multiplica a nosa capacidade de resposta e prevención," afirmou a rexedora, Paula Alvarellos.
O Concello planea conectar este centro de control con cámaras estratexicamente situadas en todo o recinto feiral e nas zonas máis sensibles do centro histórico, especialmente nos días e horas de maior afluencia de público. Esta monitorización permitirá previr concentracións masivas e ofrecer unha vixilancia máis efectiva. "O noso obxectivo é velar pola seguridade de todas e todos os cidadáns, para que poidamos desfrutar dunhas festas marcadas pola concordia e a convivencia," destacou Alvarellos.
Segundo o prego de contratación, o centro de control móbil deberá instalarse na Praza Horta do Seminario e estar equipado con sistemas de videovixilancia, incluíndo cámaras portátiles e fixas, que se conectarán ao centro para a súa visualización en tempo real. A gravación de todas as imaxes rexistradas polas cámaras e a súa conservación realizarase cumprindo co disposto na Lei Orgánica 3/2018, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Ademais, o Concello esixe que o dispositivo teña un funcionamento eficaz durante as datas e horarios máis críticos do San Froilán, reforzando así as quendas da Policía Local. A contratación inclúe tamén un técnico especializado que se encargará da instalación e funcionamento do centro, garantindo unha coordinación efectiva.
O proceso de adxudicación deste centro de control móbil busca mellorar a capacidade de resposta da Policía Local, facendo das festas do San Froilán un evento seguro para todas e todos.