A Policía Local despregará un dispositivo de seguridade coa volta ao cole

LugoXa
A prioridade deste dispositivo será vixiar e controlar o acceso aos colexios para evitar situacións de risco
curso-escolar-recurso
10 sep 2024

A Policía Local de Lugo levará a cabo, a partir deste mércores 11 de setembro, un dispositivo especial con motivo do inicio do curso escolar, un reforzo no que se traballou durante a reunión semanal da alcaldesa, Paula Alvarellos, cos responsables do corpo. O operativo ten como obxectivo garantir a seguridade dos estudantes nas inmediacións dos centros educativos durante as horas de entrada e saída. Un total de 10 unidades estarán involucradas no despregue, dando prioridade aos colexios situados no centro da cidade, como Quiroga Ballesteros e A Milagrosa, ademais doutros oito centros.

A rexedora amosou a súa dispoñibilidade para manter un contacto constante cos equipos directivos dos colexios, co fin de responder a calquera necesidade que poida xurdir durante o regreso ás clases. "Este tipo de operativos son fundamentais para asegurar que as nosas crianzas cheguen ás escolas con seguridade, especialmente nos puntos da cidade que poidan verse afectados por reorganizacións do tráfico debido ás obras", subliñou Alvarellos.

A principal prioridade deste dispositivo será vixiar e controlar o acceso aos colexios para evitar situacións de risco, particularmente nas zonas nas que se están a realizar obras, como é o caso de Quiroga Ballesteros. O acceso a este centro estará garantido por todos os seus itinerarios coa presenza dun axente. No caso da rúa San Froilán, coordinarase coa empresa encargada da peonalización para que non se utilice maquinaria durante as horas de entrada e saída.

"A nosa prioridade é garantir un acceso seguro aos centros escolares dende o primeiro día de curso. Colaborar estreitamente coa Policía Local permítenos actuar dende a prevención, o que asegura unha maior protección das crianzas e máis tranquilidade para as familias", afirmou a alcaldesa.

Precisamente, dentro deste dispositivo, os axentes tamén terán a misión de facer cumprir as normas de seguridade viaria e de velar para que as entradas e saídas aos colexios se realicen de maneira ordenada e segura. "Seguimos traballando para que Lugo sexa unha cidade accesible e inclusiva para todas e todos, e para que as nosas pequenas e pequenos poidan desfrutar dun entorno confortable no seu día a día", concluíu Alvarellos.

0.20276403427124