A Policía Local incorpora un dron para completar o labor de seguridade
A Policía Local de Lugo conta cun dron destinado a completar o labor policial. O novo cadricoptero, cofinanciado cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional a través da estratexia Dusi, está equipado con sistema de navegación satelital, cámara térmica e cámara gran angular con capacidade para captar imaxe nocturna, o que permite diversificar as súas funcións en ámbitos tan diferentes como a seguridade, o labor de control e supervisión ou as tarefas de asistencia e recate. De feito, a súa versatilidade facilitará outros labores policías en eventos multitudinarios, no control do tráfico da cidade e ampliará a precisión das inspeccións industriais e urbanísticas, entre outras aplicacións.
A rexedora comprobou hoxe in situ as prestacións do novo equipamento durante un voo de control sobre o recinto feiral do San Froilán, xa que a asistencia en eventos deste tipo é outras das súas funcións. “Consideramos importante contar cun corpo de policía formado e que dispoña de ferramentas tecnolóxicas que permitan mellorar a súa eficacia. Este proceso de tecnificación, onde varios axentes contan coa capacitación específica necesaria para operar estes drons, suporá sen dúbida unha mellora da percepción de seguridade na cidade e da calidade de vida da veciñanza, xa que permitirá asistir o traballo policial ata puntos antes inimaxinables”, destacou a alcaldesa.
O aparato conta tamén cunha serie de complementos que permiten especificalo para traballos de rescate de persoas perdidas ou de asistencia en persecucións e fugas. Deste xeito, dispón dun sistema de megafonía que permite transmitir ordes ou recomendacións de seguridade a distancia e un software asistente enfocado a elaboración de estudos sobre tráfico, transito de vehículos e riscos ante aglomeracións multitudinarias. “Esta nova ferramenta abre un amplo abano de posibilidades e sitúa ao corpo de policía á vangarda tecnolóxica”, rematou a alcaldesa.