A Policía Local incorpora un novo vehículo híbrido que estrea durante o Arde Lucus

LugoXa
A Policía Local incorpora un novo vehículo híbrido que xa estará operativo durante o Arde Lvcvs para garantir a seguridade cidadá
Novo vehiculo hibrido da Policia Local
23 Xuño 2023

O Concello de Lugo amplía a frota cun novo vehículo para a Policía Local. Esta adquisición enmárcase nas “renovacións necesarias da frota da Policía, que estamos a desenvolver xa seguindo co modelo de cidade verde e sostible no que traballamos, con vehículos ecolóxicos e híbridos”, explicou a rexedora, Lara Méndez, quen avanzou que “xa será empregado polos axentes do Corpo durante a celebración do Arde Lucus esta fin de semana para garantir a seguridade de toda a cidadanía”.

Deste xeito, con esta nova incorporación, "continuamos reforzando os recursos para mellorar o servizo de control viario da Policía Local", explicou a rexedora. Na actualidade, a Policía Local de Lugo conta con 24 vehículos, dos cales 16 son patrullas de turismo, SUV ou furgón e 8 son motocicletas (6 tipo scooter e 2 de gran cilindrada). Do total, 6 das patrullas son híbridas, tres delas tipo SUV e as outras tres tipo turismo.

Características do novo vehículo

Trátase dun Peugeot 3008 (SUV), híbrido enchufable, dotado de sistema de IA (intelixencia artificial), con capacidade para lectura e identificación de matrícula e detección automática de infraccións relativas a permisos de circulación, inspección técnica periódica, seguro, ordes de precinto, permisos de conducir retirados, étc.

Tamén se atopa dotado dun kit de detidos, que ofrece maior seguridade tanto aos axentes como á persoa detida que ocupa as prazas traseiras, xa que, desde os postos dianteiros contrólanse os cintos de seguridade, a ventilación forzada e a iluminación do habitáculo, así como a apertura e peche de portas. Ademais, conta cun dispositivo que permite a apertura da porta traseira en caso de avaría do kit de detidos, así como outro que, en caso de accidente grave, permite a desconexión de todo o sistema electrónico de seguridade (portas, cintos...).

O vehículo contén, así mesmo, material suficiente para que os axentes que ocupan a patrulla sexan completamente autónomos en calquera situación diaria, xa que dispón dun equipo composto por: caixa de primeiros auxilios, mantas ignífugas, sabas térmicas, extintor de incendios, cinta de balizamento policial con dispensador, etilómetro, 6 tetrápodos, 5 trípodes de sinalización, 5 sinais despregables (limite de velocidade, dirección obrigatoria, estreitamento, control policía e control de alcol e drogas), 8 balizas luminosas de sinalización, 2 lanternas, ferramenta cortacinturones e rompevidrios, luvas de nitrilo e lector de microchips de animais.

0.19783091545105