A Policía Local vixiará o mercadiño de Frigsa o martes, día que entran en vigor os cambios

LugoXa
A Policía Local de Lugo levará a cabo o vindeiro martes un dispositivo especial de vixilancia no mercadiño de Frigsa coincidindo coa entrada en vigor dos cambios decretados pola área de Participación Cidadá sobre a distribución dos diferentes postos que o integran.
mercadino de frigsa
13 sep 2023

A Policía Local de Lugo levará a cabo o vindeiro martes un dispositivo especial de vixilancia no mercadiño de Frigsa coincidindo coa entrada en vigor dos cambios decretados pola área de Participación Cidadá sobre a distribución dos diferentes postos que o integran.

Así, varias dotacións deste corpo controlarán que a nova organización das e dos comerciantes autorizados para a venda nestas instalacións non supoña un foco de conflito entre os mesmos, ao tempo que disuadirán de que se propicien altercados por parte das persoas que non obtiveron o preceptivo permiso.

Deste xeito, dende a apertura do recinto, ás 7 da mañá, máis dunha ducia de axentes intensificarán a supervisión en toda a zona para verificar que a montaxe e toda a actividade, ata a súa finalización, transcorra con absoluta normalidade e sen incidentes.

A medida, de carácter preventivo e coordinada pola Alcaldía e os mandos da Policía Local, pretende garantir en todo momento a seguridade cidadá e o correcto desenvolvemento dun mercado con moito arraigamento na capital que aglutina unha elevada concorrencia de público.

0.098145961761475