A Policía Nacional impartirá charlas sobre uso seguro das redes en colexios
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, advertiu da importancia de que os escolares reciban formación sobre o uso seguro da Internet e das redes sociais para que aprendan a evitar riscos que poden condicionar a súa vida e o seu futuro. Isabel Rodríguez, acompañou ao responsable delegado de Participación Cidadá e responsable do Plan Director da Policía Nacional en Lugo, Rubén Darío Veiga, nun acto telemático con motivo da entrega de carnets aos escolares de 6º de primaria do colexio da Milagrosa que asistiron ao curso de Ciberexpert@.
Isabel Rodríguez explicou que “son unha ferramenta estupenda, que poñen o mundo ao noso alcance, que serven para aprender, divertirnos e aumentar as relación con outras persoas, pero tamén supoñen un risco porque podemos ser vítimas de enganos e poden facernos dano se non somos precavidos e non aseguramos a nosa privacidade”.
A subdelegada lembroulles aos escolares que, se teñen algún problema “a mellor maneira de defenderse é contalo a quen vos pode axudar, os vosos país, os profesores, os amigos e tamén a policía, así que se alguén vos trata mal ou vos fai dano non debedes calar”.
As charlas de Ciberexpert@s que imparte en Lugo a Policía Nacional forman parte da que se desenvolve durante o curso escolar dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos que este ano desenvolveu a maioría da súa actividade de xeito telemático debido ás restricións impostas pola pandemia.
No que vai de curso escolar, a Policía Nacional impartiu en Lugo 37 charlas sobre temas como acoso, violencia de xénero, adiccións, delitos de odio e de prevención dos riscos da internet. En total asistiron a estas actividades 1.263 escolares e 54 profesores de 11 centros escolares da cidade.
Para os próximos días hai outras charlas programadas para distintos grupos de escolares nos CEIP Sagrado Corazón, Manuel Mallo Mallo e Luis Pimentel e no CIFP As Mercedes.