A Ponte acolle unha nova sesión de cestería para poñer en valor os oficios tradicionais

LugoXa
Os cursos, impulsados polo Concello de Lugo e a Deputación, achegan formación vinculada á identidade cultural e ao tecido asociativo
curso-cestería-A-Ponte
10 Sep 2025

A veciñanza da Ponte participou esta semana nunha nova sesión formativa dedicada á cestería, unha práctica artesanal con fonda presenza na cultura galega. As persoas asistentes aprenderon técnicas básicas deste oficio que, máis alá da súa dimensión práctica, constitúe un símbolo de identidade e tradición.

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, destacou a excelente resposta que están a ter estas actividades entre as asociacións, subliñando que se trata dunha oferta útil e conectada coa realidade do territorio, ao tempo que reforza o papel das entidades veciñais como espazos de dinamización local.

O ciclo inclúe quince horas de formación básica, distribuídas en cinco sesións para cada grupo. Segundo explicou a edil, estes cursos forman parte dun modelo integral de apoio ao tecido asociativo, que combina achegas económicas co impulso de propostas culturais e educativas que responden ás demandas cidadás.

Desde a Tenencia de Alcaldía deféndese a importancia de levar a formación directamente ao territorio, descentralizando a oferta municipal e recoñecendo o valor dos saberes populares. A concelleira concluíu que o obxectivo é que parroquias e barrios conten con oportunidades reais para participar, aprender e manter vivas tradicións que forman parte do patrimonio inmaterial de Lugo.

Deste xeito, os barrios da cidade seguen a recibir actividades arredor dos oficios tradicionais grazas aos cursos de cestería organizados pola área de Participación do Concello de Lugo en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación.

⚙ Configurar cookies
0.15863394737244