A ponte en Lugo, tomándolle o pulso á rúa

LugoXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
carlos gegundez
15 Dec 2023

Por Carlos Gegúndez
A ponte de decembro representa sempre unha boa oportunidade de negocio para o comercio e os servizos de hostalaría. Non é menos certo que moitos veciños da capital marcharon cara outras latitudes procurando un destino que lles pemitise rachar coa rutina e procurando cousas diferentes ás que lles ofrece a súa cidade, entrementres outros quedaron máis preto desprazándose a distintos lugares da provincia para colaboraren nas tarefas da matanza.

Mais estas ausencias adoitan ser compensadas pola chegada de turistas á cidade de Lugo. O pasado venres o mal tempo deu unha tregua e iso favoreceu considerablemente o trasfego de xente polas rúas do casco histórico e nada mellor que facer un pequeno tour para saber algo máis de quen nos visita. Falta pouco máis dun cuarto de hora para as doce, case mediodía, entramos pola porta de San Pedro e na praza de Campo Castelo dous homes con lentes falan ao redor de cadansúa taza de café nunha terraza. Un pouco máis abaixo un home de idade avanzada atravesa a árbore de Nadal coas luces apagadas como quen non quere a cousa. O mercado de Nadal da Praza Maior comeza a estar xa concurrido, unha fila de nenos e nenas agarda pacientemente a súa quenda para ver a Santa Claus. Seguimos descendendo, na praza de Santa María uns trinta turistas segue con atención as explicacións dunha guía e ás portas do Mitreo catro mulleres de mediana idade conversan sobre o que van facer, proceden do Val Miñor e Asturias. As miñotas téñeno claro: “somos de comer e beber, por iso estamos aquí”. Outra compañeira de viaxe aclara: “pareceunos un bo destino para pasar un par de días, ademais algunha de nós non coñecía Lugo”. Non obstante, unha voz apresurada que sae do grupo rectifica entre risas: “yo como asturiana sí la conocía”.

A maior parte dos turistas e tamén os veciños da capital aproveitan a raiola para pasear pola Muralla, un grupo de viaxeiras madrileñas xubiladas con raíces na provincia comentan: “acabamos de llegar, vamos a pasar aquí el fin de semana, hemos venido otras veces y nos encanta la ciudad”. Cando lles preguntamos polo que menos lles agrada non atopan a resposta, nin sequera repudian o tempo: “hemos venido nosotras a traer el buen tiempo” -bromea unha delas-. No adarve tamén atopamos a unha parella de Palencia que nos revela: “el año pasado estuvimos en Ourense y este verano en Foz, nos quedaba Lugo y hemos venido a pasar el finde”. Camiñamos un pouco máis, por enriba do emblemático monumento e á altura da porta do Carme falamos con outra parella xubilada que procede da capital de España: “Venimos mucho a Galicia, esta vez hemos optado por Lugo, nos llamó la atención su historia y sabemos que es un sitio tranquilo, nos está encantando. Nos marcharemos el domingo”. Uns metros máis adiante, enriba da porta do Hospital dámos cunha parella de Oviedo que coñece ven a capital lucense, o home sentencia: “lo que más nos gusta es la comida y la Muralla”.

Son os menos, mais tamén hai algúns visitantes que proceden de lugares moi arredados como unha nai e dous fillos adolescentes procedentes de Barcelona: “venimos con frecuencia porque tenemos familia en la ciudad, nos vamos a quedar hasta el lunes y aunque el tiempo no ha acompañado demasiado la experiencia está siendo muy buena como siempre, lo que más nos gusta son las vistas y la Muralla”.

Tamén atopamos a visitantes que chegan desde máis preto como unha familia de Carballo que quixo aproveitar a apertura do comercio local para mercar: “Viñemos comprar uns tenis de baloncesto para a nena e aquí hai boas opcións, ademais aproveitamos para dar unha volta”. O pai de familia desvélanos algúns dos plans para a xornada: “a idea é xantar aquí e logo pola tarde ir ata O Cebreiro”.

Así foi a ponte en Lugo e a pesar do mal tempo houbo afluencia de turistas e un volume interesante de durmidas, a maior parte da xente que nos visitou procedía de localidades próximas, adoita valorar a gastronomía e os recursos culturais, sobre todo a Muralla romana e fica entre dous e tres días na cidade. Podería ser este un retrato robot ou perfil dos visitantes que pasaron por aquí durante a ponte. Unha vez máis, o sector servizos, nomeadamente hostalaría e restauración saen beneficiados, os números indican unha tendencia alcista a respecto do ano pasado na nosa provincia e no conxunto de Galicia, que non decaia.

0.20761013031006