A Pontenova mobilízase en Lugo pola defensa da educación pública

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa
Familias e veciñanza reclaman a restitución dunha aula de Infantil e denuncian o deterioro estrutural do colexio
manifestacion-educacion-A-Pontenova-en-Lugo
23 Jul 2025

A loita das familias do CEIP da Pontenova deu este 23 de xullo un paso máis co desprazamento dunha ampla representación veciñal á sede da Xunta en Lugo. Convocados pola Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) e co respaldo do Concello, os manifestantes reclamaron solucións inmediatas ante a supresión dunha das unidades de Educación Infantil para o curso 2025-2026 e ante o abandono que, segundo denuncian, sofre o centro escolar.

A mobilización nace da decisión da Inspección Educativa de eliminar unha das aulas de Infantil, medida que foi comunicada a finais de xuño, unha vez rematado o curso, e sen posibilidade de diálogo nin alegacións. A ANPA alerta de que esta medida non só reduce a oferta educativa, senón que implica a perda dunha mestra, rompe a continuidade pedagóxica do alumnado e incumpre a Lei 5/2024 no relativo ás ratios máximas por aula.

“Están recortando recursos nun momento no que o rural precisa xusto o contrario: apoio e investimento”, lamenta Iria Bermúdez, presidenta da ANPA. A súa indignación agrávase ante o que cualifican de “abandono estrutural” do colexio, onde, segundo denuncian, conviven humidades, fendas, aseos deteriorados, problemas de accesibilidade e aulas inutilizadas durante meses por caídas de parte do teito.

As actuacións acometidas pola Xunta este verán, cun orzamento próximo aos 50.000 euros, non convencen ás familias. “Chegan tarde e mal. As obras fixéronse pola presión das protestas, non por vontade política”, aseguran. En resposta ás palabras do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, que salientou os investimentos en eficiencia enerxética, a ANPA replica: “Non se trata só de illamento térmico, falamos da saúde e seguridade do alumnado”.

A concentración diante da delegación da Xunta en Lugo foi tamén unha plataforma para denunciar outras carencias do municipio, como a situación do centro de saúde, onde aseguran que a escaseza de profesionais e o aumento das listas de agarda está a afectar seriamente á poboación. “Estamos aquí para defender o básico: educación e sanidade públicas e dignas. Non pedimos luxos, pedimos o que nos corresponde”, manifestaron as persoas asistentes.

A ANPA anunciou que continuará coa súa campaña reivindicativa durante os vindeiros meses. “Non imos calar. As nosas fillas e fillos teñen dereito a unha escola en condicións. O rural tamén conta, e non vamos permitir que se nos ignore”, concluíu Bermúdez.

PRESENZA DO PSOE NO ACTO

O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo tamén participou na concentración celebrada ás portas da Delegación da Xunta en Lugo, convocada para denunciar o abandono que sofre A Pontenova por parte do Goberno galego en materia de sanidade e educación públicas.

A mobilización, impulsada polo alcalde socialista Darío Campos Conde e pola ANPA do CEIP da localidade, reuniu máis de 300 persoas que reclamaron solucións urxentes fronte á precariedade dos servizos públicos no municipio.

O acto contou coa participación da Secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; da Vicesecretaria Xeral provincial e Secretaria de Organización, Pilar García Porto; do Alcalde da Fonsagrada, Carlos López; do Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias; así como doutros cargos do partido na provincia.

Desde o PSdeG na provincia de Lugo subliñaron que esta concentración “amosa a forza dun pobo que non se resigna e o compromiso dun partido que está á beira da veciñanza cando máis se precisa. Esta resposta cidadá demostra que A Pontenova non está soa: hai un pobo mobilizado e un partido comprometido coa defensa dos servizos públicos”, valorou o alcalde, Darío Campos.

Os socialistas instan á Xunta de Galicia a actuar con responsabilidade e a atender de inmediato estas demandas. “Falar de igualdade é facer posible que no rural tamén se garantan servizos públicos dignos”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.17874097824097