A Pontenova ve crecer o número de turistas

LugoXa | AMariñaXa
18 Nov 2019

A oficina de turismo da Pontenova conta cun experto ao fronte, Juan Carlos Pardo, que a atende dende 2017. As cifras de turistas que pasan ao mes durante estes dous anos varía, pero a feira da artesanía, o festival das Minas e as festas de Nadal enchen case tanto a localidade como o mes de agosto no verán, é dicir, unhas 2.300 persoas que teñen pasado por esta oficina en tales datas. Este verán ademais a cifra aumento un 40 por cento con respecto o período anterior.

Respecto á cifra de visitantes que pasan pola oficina cada mes, de momento, e dado que a oficina só leva aberta dous anos de xeito ininterrumpido, o responsable dela non dispón aínda dunha serie estadística de 5 ou 6 anos coa que poder establecer unha tendencia estacional. A cifra mes a mes durante estes dous últimos anos completos de momento non é moi representativa, xa que son moi variables, como sinala Pardo.

Por exemplo, durante o mes de decembro, no que coinciden a feira de artesanía e antigüedades, o festival musical das Minas e as festas de nadal, trátase dun mes comparable co mes de agosto en afluencia de público. Outros meses de gran afluencia son o de maio, mes no que se celebra a Festa da Troita, e o mes de outubro, no que se celebran as festas patronais da Pontenova, As Feiras e o espectáculo pirotécnico da Queima dos Fornos.

SENDEIRISMO. Hai dúas rutas de sendeirismo que funcionan moi ben durante todo o ano, e son a Ruta do Ferrocarril ou Vía Verde do Eo e a Ruta das Reigadas.

A Ruta do Ferrocarril porque, como todas as vías verdes, apenas ten desnivel polo que é moi doada de facer tanto en bicicleta como andando, por iso todas as fins de semana é sinxelo ver pasar ao longo do día a pequenos grupos de ciclistas ou a familias con nenos.

A Ruta das Reigadas discorre por un dos bosques atlánticos máis extensos e mellor conservados de Europa. Esta ruta, dado que non é circular, e ten bastante desnivel, adoitan facela grupos organizados de sendeiristas desprazados en autobuses.

VISITAS GUIADAS. Outro tema que está funcionando moi ben durante todo o ano, son as visitas guiadas que dende a oficina fan cos grupos, tanto a colexios e institutos como a asociacións culturais, visitando o patrimonio mineiro-industrial que aínda se conserva da antiga sociedade mineira que deu orixe ao Concello da Pontenova. Pardo apóiase nunha exposición fotográfica na que se poden apreciar os elementos máis característicos dunha explotación mineira de ferro de comezos do século XX cando aínda estaba en funcionamento.

VERÁN. Respecto aos meses de verán, as cifras medran ano tras ano. “Este ano con respecto ó verán do 2018 medramos un 40% en número de visitantes. É un aumento moi importante en tan pouco tempo pero, debido a que partimos de cifras absolutas moi discretas, a intención é seguir medrando nos próximos anos hasta acadar e consolidar unha cifra media de visitantes acorde coas que contan concellos limítrofes”, afirma o responsable.

En canto ao perfil do visitante nos meses de verán, os meses de xullo e agosto soen ser familias con nenos e parellas novas que veñen buscando actividades de ocio como as rutas de sendeirismo, BTT, descenso de canoas polo Eo, etc... E durante o mes de setembro adoitan ser matrimonios sen nenos na súa maioría desprazados en autocaravanas e dentro deste grupo, unha gran porcentaxe procedentes de Francia, no que hai moita máis tradición por este tipo de vehículos.

Respecto ao mais demandado da xente que visita A Pontenova, sería a visita guiada polo conxunto etnográfico dos fornos de calcinación e minas de Vilaoudriz, que abarca todos os elementos máis característicos dunha explotación mineira do ferro de comezos do século XX como un grupo de fornos de calcinación do mineral, os depósitos e tolvas de carga do mineral, as minas, os alicerces do antigo teleférico mineiro, as antigas instalacións do ferrocarril... Na propia Oficina de Turismo contan cunha exposición de fotografías dende 1903 en adiante no que se poden ver todos os elementos da explotación mineira cando estaban en funcionamento.

Outro grande atractivo o supón a visita guiada pola Aula de Interpretación da Pesca situada no segundo andar da propia Oficina de Turismo, nela pódese observar diverso material relacionado coa pesca dos salmónidos. Hai carretes e canas de diferentes épocas, coleccións de composicións realizadas polos mellores montadores de moscas, rapalas, cucharillas... de diferentes épocas e feituras. Tamén contan coa colección de riscos máis importante de Galicia, que son uns trebellos que se empregaban antigamente para a pesca do reo ó anoitecer.

E xa por último, destacan na Pontenova as súas praias fluviais e o paseo fluvial a carón do río Eo dentro do casco urbano. Concretamente,hai tres praias fluviais a do Pozo da Ola, situado no casco urbano; Salmeán, xunto ó refuxo de pesca do mesmo nome e O Fondón, na parroquia de Vilaboa, que conta cunha área recreativa con parque infantil e merendeiros.

0.19533610343933