A Praza de Abastos de Lugo acolle unha degustación gratuíta de porco celta
A Praza de Abastos de Lugo acollerá o xoves unha demostración culinaria e degustación de porco celta, organizada pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Asociación de Criadores de la Raza Porcina Celta (Asoporcel) coa colaboración da área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo.
Os cociñeiros lucenses Alex Méndez e Nardo Eiroa prepararán catro receitas con porco celta -tataki de solombo, arroz meloso, torreznos e faceiras -que se poderán degustar gratuitamente na Praza de Abastos a partir das 12.00 horas. O deputado de Rural Daniel García e a concelleira de Participación Cristina López, acompañados polo cociñeiro Álex Méndez e Cruz Castro, de Asoporcel, presentaron a iniciativa, que pretende reforzar a promoción e a difusión dos produtos derivados desta raza autóctona.
Daniel García encadrou a actividade “na colaboración que mantemos con Asoporcel para reforzar o coñecemento e a valoración da carne de porco celta e fomentar o seu consumo, xa que entendemos que o futuro das gandarías desta raza autóctona está necesariamente ligado á posibilidade de comercializar os seus produtos” e destacou “a idoneidade da Praza de Abastos, onde se aposta por produtos de calidade e proximidade, para realizar esta degustación”.
Cristina López agradeceu a “colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e de Asoporcel nesta degustación, que contribúe a dinamizar o mercado e a dar a coñecer a un público diverso a unha carne de excelentes propiedades”. Cruz Castro subliñou que “unha das mellores fórmulas para garantir a recuperación e conservación da raza Porco Celta é garantir a demanda e o consumo dos seus produtos derivados” e valorou “a participación de recoñecidos cociñeiros como un aliciente para chegar a novo público”.
A degustación desenvólvese no marco do programa “Agro Dinámico con Porco Celta”, financiada pola área de Rural da Vicepresidencia da deputación de Lugo, que, ademais de incluír a presenza desta raza en feiras gandeiras, ofrece degustacións gratuítas de porco celta en mercados e outras citas tradicionais, poñendo en valor as calidades nutricionais e culinarias da súa carne e visibilizando o traballo das criadoras e criadores.