A Praza de Abastos de Lugo acollerá o primeiro mercado de Nadal 'Entre a néboa'

LugoXa
O mercado artesanal reunirase con máis dunha ducia de postos e incluirá obradoiros, iniciativas sociais e propostas gastronómicas
praza-de-Abastos-Lugo-mercado-Entre-a-Néboa
3 Jan 2026

A Praza de Abastos de Lugo converterase no escenario do primeiro mercado de Nadal da cidade cunha xornada completa de actividade que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:00 horas pola mañá e entre as 16:00 e as 20:00 horas pola tarde. A iniciativa foi presentada polo tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, xunto con integrantes da Asociación Cultural Entre A Néboa.

O mercado artesanal contará con máis dunha ducia de postos nos que se poderá atopar unha ampla variedade de produtos, desde xoias, cestería e roupa tradicional ata xoguetes e artigos vinculados ao Nadal. Xunto ás artesás e artesáns participantes, tamén estarán presentes iniciativas de carácter social e ecoloxista como Mádia Leva, Adega ou Pelitos&Bigotes, ampliando así a oferta con propostas comprometidas co medio ambiente e o benestar animal. A cita permitirá tamén adquirir produtos gastronómicos, entre eles mel do Cebreiro.

A programación completarase con dous obradoiros abertos á participación de todas as persoas que se acheguen á Praza de Abastos. Ás 17:00 horas, a agrupación Mesa de Bregoán ofrecerá unha introdución aos xogos de rol, mentres que a partir das 19:00 horas a música Branca Villares impartirá un obradoiro de cantigas de Nadal, pechando a xornada cunha proposta cultural e participativa.

⚙ Configurar cookies
0.084734916687012