A Praza de Abastos, escenario do primeiro festival de tatuaxes en Lugo
Esta fin de semana os baixos da Praza de Abastos convértense no escenario do festival We Tattoo, unha cita na que participarán tatuadores da cidade e que tamén inclúe música e gastronomía. Co evento preténdese difundir entre o público en xeral o traballo dun sector que amosa puxanza en Lugo, o dos estudos dedicados á arte corporal.
Esta primeira edición que busca ensalzar a arte na pel contará con cinco expositores locais: Flyers Tattoo, Ivo Body Art, Moon Girls Tattoo, Nicolás Portugal e Pacific Soul, e durante toda a fin de semana participará Champi Muros, coñecido polos seus vídeos humorísticos nas redes sociais. Pola súa parte, Roberto Torreiro, Alejandro Méndez, Diego López, Nardo Eiroa e Jhon Castro serán os cociñeiros encargados da zona gastro, tamén pensada para os máis pequenos.
O público poderá gozar da sesión vermú con Recreativos DJ. Entre outras citas destacables, o sábado actuarán Mad Martin Trío, Star Dance e Gravity, e o domingo ás 20.00 horas haberá un desfile dos traballos finais. A entrada para o evento, que se celebrará de 12.00 a 23.00 horas e que conta coa colaboración das áreas de Participación do Concello e de Turismo da Xunta, será totalmente gratuíta. A concelleira de Participación, Cristina López, destaca "a diversidade de actividades que pode acoller a Praza de Abastos e o Mercado Municipal, espazos polivalentes ubicados nunha zona privilexiada como é Quiroga Ballesteros".