A Praza de Augas Férreas en Lugo acolle este fin de semana 'Un Nadal de Conto'

LugoXa
A iniciativa ofrece contacontos, obradoiros, música e xogos para público infantil e familiar
Nadal-de-Conto-Xunta-actividades-Augas-Férreas
19 Dec 2025

A Asociación de Veciños e Comerciantes da Praza de Augas Férreas organiza 'Un Nadal de Conto', unha actividade que dinamizará a zona este fin de semana con contacontos, obradoiros, xogos, música e outras propostas dirixidas a nenos, nenas e familias.

Mañá sábado e o domingo a praza acollerá unha ampla programación. O sábado, ás 12,00 horas, terá lugar un contacontos da Profe Alba, seguido dun obradoiro para elaborar cartas e postais de Nadal, cantos de panxoliñas e xogos. Pola tarde, desde as 17,00 horas, desenvolverase un taller de adornos e postais navideñas, unha firma de libros da escritora Ana Meilán, a visita de Papá Noel, unha chocolatada e unha actuación dun DJ. A partir das 19,00 horas, os asistentes tamén poderán ver a Máximus, a mascota do Breogán.

O domingo repetirase o inicio ás 12,00 horas cun contacontos da Profe Alba, seguido de novos obradoiros e xogos. Ás 17,00 horas celebrarase un bingo de Nadal, haberá merenda para os máis pequenos e a xornada pecharase cun sorteo e outras sorpresas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto a representantes do colectivo organizador, entre eles o presidente Manuel Cerdeira, presentou hoxe o programa. As actividades comezan esta tarde cun taller sensorial e un contacontos na academia Kids&Us.

Javier Arias destacou que a Xunta mantén colaboracións ao longo de todo o ano con asociacións de toda a provincia para promover actividades culturais, deportivas e de lecer en distintos puntos do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.089751005172729