A Praza de San Marcos acolle ata o 5 de xaneiro o Mercado de Nadal con artesanía lucense

A Praza de San Marcos converteuse de novo nun escaparate da artesanía lucense coa celebración dunha nova edición do Mercado de Nadal, que permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro e reúne catorce obradoiros da provincia que traballan en disciplinas moi diversas.
Cerámica, xoguetes elaborados a man, complementos e pezas realizadas en coiro ou mel conforman unha oferta pensada para achegar ao público produtos singulares e de proximidade nestas datas festivas, ao tempo que se lles brinda ás firmas artesás a oportunidade de amosar e comercializar o seu traballo directamente a pé de rúa.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, a deputada de Cultura, Iria Castro, o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, visitaron os postos instalados en San Marcos e animaron tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a achegarse ao Mercado de Nadal e optar por agasallos artesáns. Segundo destacaron, estes produtos son unha garantía da calidade das materias primas e da dedicación no proceso de elaboración, ademais de contribuír de maneira directa ao sostemento da economía das firmas artesás da provincia.
O Mercado de Nadal poderá visitarse ata o 5 de xaneiro en horario de 11 a 14 horas pola mañá e de 17 a 21 horas pola tarde. As excepcións serán os días de Noiteboa e Fin de Ano, xornadas nas que os postos abrirán unicamente en horario de mañá.