A praza Maior acollerá mañá un acto para celebrar o aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

LugoXa
A praza Maior acollerá mañá mércores un acto para celebrar o aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade
muralla lugo alumeado 2
29 Nov 2022

O día 30 celébrase o XXII Aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade cunha gala cultural na praza Maior organizada pola Xunta de Galicia que incluirá música, danza, maxia e a presentación dun videoxogo de realidade virtual.

O evento será de asistencia libre e gratuíta dando comezo ás 17.00 horas e contará coa actuación do conxunto vocal Lugh, o quinteto de metais da Asociación Músico Crisanto, os alumnos do Conservatorio de Danza de Lugo e o mago Rafa.

Ademais, presentarase o videoxogo de realidade virtual Descubre a Muralla, creado por Unha de Romanos co patrocinio da Xunta, a través de Turismo de Galicia, con motivo desta efeméride. É unha proposta para todas as idades, pero especialmente idónea para proporcionar á mocidade unha ferramenta lúdica coa que afondar no coñecemento do monumento.

Tamén se proxectarán un vídeo homenaxe de conmemoración da data e outro sobre os traballos arqueolóxicos levados a cabo pola Xunta nos últimos meses na Muralla, a musealización da galería que atravesa os paramentos preto do Cubo VI, nas inmediacións da porta do Bispo Odoario, e doutros elementos como unha balsa rectangular que discorre paralela ao monumento. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades investiu 78.780 euros nesta intervención.

No templete da praza permanecerán expostas as obras de alumnos titulados do grado superior de Fotografía da Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón, que aportan distintas miradas sobre a Muralla.

0.097096920013428