A Praza Maior de Lugo acolleu actividades divulgativas polo Día Internacional das Matemáticas

LugoXa
A iniciativa Matemáticas na rúa leva xogos, retos e materiais didácticos ao espazo público para achegar esta disciplina á cidadanía
Día-das-Matemáticas-Lugo
15 Mar 2026

A concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo colaborou coa iniciativa impulsada pola Federación Galega de Sociedades de Profesorado de Matemáticas para levar o ensino desta disciplina ao espazo público con motivo do Día Internacional das Matemáticas.

O concelleiro Alexandre Penas visitou as actividades desenvolvidas na Praza Maior, onde se instalaron diferentes propostas destinadas a achegar esta materia á cidadanía dun xeito participativo.

A actividade aposta por un enfoque lúdico e festivo que busca crear un ambiente de lecer no que romper cos prexuízos que tradicionalmente rodean ás matemáticas. Ao mesmo tempo, fomenta a participación de persoas de distintas idades e niveis formativos, favorecendo a colaboración interxeracional a través de retos e xogos que convidan á experimentación directa.

A manipulación activa de materiais constitúe un dos elementos centrais de Matemáticas na rúa, unha proposta que pretende ofrecer unha experiencia dinámica e estimulante para todas as persoas participantes. Entre os recursos empregados atópanse crebacabezas, superficies minimais, cadrados máxicos, bingos matemáticos, xogos de mesa, cordas e diferentes retos lóxicos.

Dentro destas propostas, a categoría de crebacabezas destaca pola súa ampla variedade. A súa capacidade para combinar desafío intelectual e entretemento convérteos nun dos grupos máis diversos de materiais presentes nesta actividade divulgativa.

O Día Internacional das Matemáticas celébrase en todo o mundo o 14 de marzo, unha data escollida polas súas coincidencias coas primeiras cifras do número pi, representadas como 3-14 no formato anglosaxón.

0.12194895744324