A primeira exposición do fotógrafo Tim Flach en España xa pode verse en Lugo
Os retratos do fotógrafo Tim Flach chegan a Lugo grazas á mostra Emocións en Perigo. O tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, estiveron presentes na inauguración da exposición organizada por Afundación, que achegan 34 retratos de animais. Trátase da primeira exposición do fotógrafo inglés no estado e conta imaxes de animais en perigo de extinción fotografados como nunca antes se viran.
A exposición, que chega a Lugo despois de ser un éxito na súa itinerancia en Vigo, Pontevedra, A Coruña e Compostela, poderá visitarse ata o 26 de maio no fondo da praza Maior, sendo Lugo o primeiro destino desta exposición como mostra aberta na rúa.
Flach asegura que con este proxecto trata de “conectar as persoas coa natureza” cun obxectivo: romper as barreiras que parecen levantarse entre os seres humanos e a natureza a través destas escenas, fomentar a empatía cos retratados, salientar a emoción. Tim Flach (Londres, 1956) quere promover a través da súa obra unha sociedade máis concienciada, formada e sensible coa necesidade de incorporar a sostibilidade a todos os aspectos da nosa vida. «O noso futuro depende diso», defende o fotógrafo.
Na súa dilatada traxectoria, Tim Flach traballou con entidades da talla do National Media Museum en Reino Unido, o Museo de Historia Natural de Suecia, National Geographic ou o xornal The New York Times. É membro honorario da Royal Photographic Society e recibiu o Premio Honorario Doutoramento da Universidade das Artes de Londres. Na actualidade é presidente da Asociación de Fotógrafos Británicos e Europeos (AOP).