A primeira reunión do Consello do Maior de Lugo, á volta do verán

LugoXa
O novo órgano terá carácter consultivo e asesor non vinculante e nace co fin de favorecer a participación activa no eido social, político e cultural das persoas maiores
concello-de-lugo
7 Aug 2024

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou o regulamento que rexerá o funcionamento do Consello do Maior e cuxa primeira reunión poderá celebrarse á volta do verán xa coas súas bases. Estas establecen que o novo órgano terá carácter consultivo e asesor pero non vinculante así como os seus principais obxectivos, entre os que destaca favorecer a participación activa no eido social, político e cultural das persoas maiores, apostando polo envellecemento activo e a integración deste colectivo.

Unha vez aprobado o regulamento e trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia todo estará disposto para celebrar a primeira reunión do Consello do Maior á volta do verán. As bases establecen que integrarán este novo órgano representantes de: grupos políticos na Corporación; concellerías competentes; CEL; USC; Unidade de Xeriatría do HULA; obras sociais das caixas de aforros; centros socioculturais do Concello de Lugo; empresas prestadoras de servizos ás persoas maiores; organizacións sindicais con seccións de xubilados e pensionistas; asociacións que traballan coa terceira idade inscritas no Rexistro Municipal; e das policías Local e Nacional.

A creación deste órgano de participación social responde á liña de acción política do Executivo de Paula Alvarellos, centrada en promover a integración e a participación activa deste grupo de poboación nas políticas que lles atinxen dun xeito directo. A concelleira de Maiores, Olga López Racamonde fai fincapé neste aspecto e explica que “debemos fomentar a participación e a implicación deste colectivo na vida municipal. Por iso apostamos por estreitar a colaboración e o traballo conxunto como viñamos facendo ata de agora dun xeito informal e facelo coa creación deste novo órgano, para acadar un maior nivel de benestar e atención”.

Grazas á formación deste Consello do Maior reuniranse aos representantes das distintas asociacións que traballan en Lugo a prol dun colectivo moi amplo que no municipio afecta a algo máis de 21.000 persoas, das que unhas 5.000 presentan o problema engadido de vivir soas. Para a concelleira responsable desta área, a constitución e posta en funcionamento deste novo órgano será moi beneficioso de cara a abordar as principais problemáticas e demandas deste grupo de poboación.

Precisamente, na primeira reunión que se celebrará á volta de verán se tratarán temas que afectan de xeito especial ás e aos lucenses que viven sós e para os que o Concello de Lugo ten en marcha varios programas e iniciativas como Xantar no Fogar e Axuda no Fogar. As bases do regulamento aprobado hoxe establecen que o Pleno do Consello do Maior, que coincidirá coa duración do mandato da Corporación, reunirase con carácter ordinario semestralmente, cun mínimo de dúas veces ao ano, aínda que tamén poderá facelo de xeito extraordinario se así se solicita.

 

0.18498110771179