A profesora Carmen Sarceda toma posesión como decana
“O traslado de Formación do Profesorado antóllase como unha oportunidade a medio prazo”, afirma.
A profesora da área de Didáctica e Organización Escolar da USC Carmen Sarceda Gorgoso reitera o seu compromiso de traballar de xeito proactivo a prol do traslado da Facultade de Formación do Profesorado ao Campus de Lugo, dado que se trata dunha oportunidade a medio prazo, e cabe esperar que as novas instalacións satisfagan as necesidades expresadas pola comunidade educativa do centro”, segundo manifestou este xoves no acto de toma de posesión como decana, no marco dunha sesión presidida polo reitor da USC, Antonio López.
A decana salientou na súa intervención algunhas das necesidades que presenta a actual Facultade de Formación do Profesorado no capítulo de infraestruturas e recursos humanos, ao tempo que reivindicou a posta en marcha dun posgrado con perfil de investigación, a fin de favorecer a formación de doutores e, nunha se posterior, a estabilización e provisión de prazas docentes.
Acompañada dos docentes Santiago López Gómez, Paula López Rúa e Virginia Aznar, que ocuparán cadanseu vicedecanato e a secretaría académica do centro, respectivamente, os próximos catro anos, Carmen Sarceda adiantou que o seu programa de goberno para esta segunda etapa no decanato de Formación do Profesorado están vertebrados arredor de seis eixes: xestión, docencia, investigación, recursos humanos, infraestruturas e alumnado.
“Apostamos por unha xestión áxil, efetiva e próxima, así como por unha docencia que camiñe da man da investigación”, dixo Sarceda Gorgoso para, deseguido, relacionar o éxito destas tarefas co bo facer dos recursos humanos dispoñibles, “un cadro de persoal limitado e sobrecargado”, ao que trataremos de mellorar a súa situación actual.
O almumnado, subliñou a profesora Sarceda Gorogoso, constitúe a dimensión máis imporante para este equipo de decanal, que “non renunciará a ofrecer ao estudantado universitario unha base sólida de coñecementos que redunden no desenvolvemento de competencias profesionais para o seu futuro labor docente e tamén competencias de compromiso social, compromiso coa igualdade en todas as súas dimensións, compromiso coa cultura galega, coa diversidade cultural, social, individual... Pois entendemos que ser docente supón un labor de transformación da realidade a través da súa práctica”.
O reitor da USC asumiu como propias as demandas formuladas pola decana da Facultade de Formación do Profesorado, un centro que cumpre “unha tarefa esencial para calquera sistema universitario e para calquera sociedade como é a formación de mestres e mestras”. Antonio López recoñeceu asemade a relevancia do centro universitario lugués no contexto do Campus de Lugo, dado que “con 962 estudantes matriculados nos diferentes niveis e programas e ensino, esta facultade acolle arredor do 25 % do alumnado da sede universitaria luguesa”.
O acto de toma de posesión da profesora Sarceda Gorgoso como decana da Facultade de Formación do Profesorado congregou no salón de actos do centro universitario lugués unha nutrida representación do claustro docente. A secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella; o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González; o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, o adxunto á citada Vicerreitoría, Antonio Álvarez, ademais de, entre outras persoas, representantes dos equipos decanais e de dirección dos centros universitarios do Campus de Lugo, tamén arrouparon á decana electa no comezo do seu segundo mandato.