A programación de Lugo como capital cultural do Eixo Atlántico acada máis de 15.000 participantes

LugoXa
Máis de 15.
ciclo_cultura_no rio
2 Feb 2024

Máis de 15.000 persoas participaron na programación deseñada polo Goberno local con motivo da celebración da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, que acolleu o municipio de Lugo en 2023, tomando o relevo da cidade portuguesa de Braga. Esta programación incluíu unha ampla variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine a concertos, festivais de arte urbá e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos, entre outras propostas.

Neste senso, a rexedora Paula Alvarellos destacou “o éxito desta iniciativa dirixida ao público de todas as idades e que supuxo a celebración no noso municipio de máis dunha trintena de actividades nas diferentes disciplinas artísticas”. Deste xeito, Lugo converteuse “nunha fiestra aberta á riqueza cultural da eurorrexión, situándonos no mapa cultural internacional”, subliñou.

A alcaldesa puxo o foco no traballo de promoción turística que supuxo acoller esta programación e lembrou que dende o Concello apostan “pola cultura como un dos elementos decisivos no desenvolvemento social, económico e de identidade do municipio, a través do deseño de políticas culturais, diversas e plurais e que fomenten a capacidade creativa local, en sintonía coa nosa estratexia de cidade sostible”.

Entre as actividades con maior participación destaca o Festival Cores Atlánticas, celebrado no mes de marzo, e no que participaron preto de 5.000 mozos e mozas. Ao longo da xornada sucedéronse exhibicións de skate, actuacións en directo de DJ, batalla de galos, zonas de pintado de graffitis, con representación de artistas locais, como Diego As, Treze Trazos, Concepto Circo, e portugueses, como Virus. O broche de ouro foi o concerto a cargo de Israel B. Á parte artística uníronse campionatos deportivos en formato 3x3 de fútbol sala, baloncesto e voleibol.

Gran afluencia na Feira gastronómica

Outro dos eventos que xerou maior expectación, cunha afluencia superior ás 2.000 persoas, foi a Feira gastronómica Sabores do Eixo, celebrada no semisoto da Praza de Abastos a finais do mes de febreiro. Esta feira permitiu aos participantes coñecer, gozar e catar as creacións de recoñecidos cociñeiros galegos e portugueses. Por outra banda, a Feira do libro infantil e xuvenil, que acolleu o Vello Cárcere, reuniu a outros 2.000 asistentes que, durante unha fin de semana, puideron coñecer e adquirir as últimas novidades literarias destinadas a estes lectores e lectoras, ao tempo que se celebraron contacontos e obradoiros de ilustración.

A contorna fluvial do río Miño foi un dos escenarios escollidos polo executivo local para albergar boa parte da programación da Capital da Cultura, co obxectivo de potenciar este enclave natural, especialmente durante os meses de verán. Así, nesta paraxe celebráronse mercadiños de produtores e artesáns galaico-portugueses; así como o ciclo ‘Cultura no río’, con actuacións para gozar en familia de maxia, música ou baile.

Festival de maxia

Tamén o auditorio municipal acolleu actividades de gran éxito como o festival ‘A maxia do Eixo’, no que recoñecidos ilusionistas galegos e portugueses despregaron todos os seu trucos para achegar a maxia en primeira persoa; ou o concerto inaugural da programación a cargo da Orquestra Filarmónica de Braga e o artista lucense Abraham Cupeiro.

Así mesmo, no MIHL celebrouse o encontro de danza ‘ConVIVO’, un encontro entre grupos de baile lucenses e outros pertencentes ao país luso, a través do que se buscou visibilizar e poñer en valor as artes escénicas e a creación artística de ambas rexións; e tamén a gala benéfica Lucus Moda Atlántica, unha cita que serviu de escenario para a promoción e divulgación do comercio e deseño de moda do noroeste peninsular.

Conferencias e festivais

Xa no Vello Cárcere celebrouse o ciclo de conferencias Gallaecia: pasado común do Noroeste peninsular, no que expertos galegos e lusos falaron das potencialidades turísticas do circuíto da romanización no que Lugo é eixo central. Estas dependencias municipais tamén acolleron o ciclo de cine Mulleres Atlánticas – Unha mirada en feminino, ao abeiro da celebración do Día Internacional da Muller, no que se visibilizou e reivindicou o traballo creativo das mulleres no ámbito da industria do cine, a través dunha selección de filmes dirixidos por mulleres de Galicia e Portugal; así como un ciclo de catas literarias no que participaron os escritores e escritoras. Entre eles, estiveron presentes Adela Figueroa, Francisco Narla, Graça Amiginho e Armando González e Héctor Castiñeira de Enfermeira Saturada.

Finalmente, a Capital da Cultura tamén incluíu actividades en citas xa consolidadas na cidade como o Arde Lvcvs Cultural, o Festival Internacional de Jazz ou o Caudal Fest, poñendo o broche final á programación a inauguración da XIV Exposición Bienal de Pintura do Eixo Atlántico que se puido visitar no Vello Cárcere durante o mes de decembro e que agora percorrerá, até outubro, as cidades de Braga, Bragança, Maia, Ribeira, Felgueiras, Vila Real, Vila Nova de Gaia, Barcelos e Monforte de Lemos.

0.10077285766602