A programación de Nadal continúa en Lugo con actividades para fomentar a cultura
As actuacións musicais, os obradoiros, contacontos e tres mercados protagonizan a oferta cultural para estas datas en Lugo. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, lembrou a “ampla programación” organizada pola área de Cultura durante o Nadal do 2023, que conta con actividades organizadas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, no MIHL, ou no Vello Cárcere.
A concelleira de Cultura indicou que "o Nadal é unha data propicia para fomentar tamén a nosa cultura" e engadiu que se poñen en marcha “actividades para difundir entre as nenas e nenos as nosas tradicións, entre as que se atopan obradoiros de panxoliñas no Vello Cárcere, o concerto de Aninovo da Banda Filharmónica.
Concretamente, do 26 ao 29 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro terán lugar obradoiros de panxoliñas no Vello Cárcere. Coa proposta preténdese aprender e gozar dos nosos cantos tradicionais con profesores especialistas, utilizando diversos instrumentos; guitarra, ukelele e pequena percusión.
O 26 e 30 decembro é a quenda da iniciativa Medrando no Nadal, un festival de artes escénicas familiares e 1ª Infancia no Auditorio Municipal Gustavo Freire. O 3 de xaneiro será o Concerto de Aninovo pola Banda Filharmónica tamén no Gustavo Freire.
O vindeiro 4 de xaneiro é o momento dos Rancho de Reis Xeitoso e do Ranchiño Xeitoso. A partir das 17.30 horas no recinto histórico. Danzantes e músicos compoñen o Rancho de Reis Xeitoso polas rúas e prazas facendo Danzas do Ciclo de Nadal (fitas, paos, castañolas) e Cantos de Nadal e de Reis. Ao día seguinte, celebrarase a tradicional cabalgata de Reisa partir das 18.00 horas no parque da Milagrosa. Ademais, haberá actuacións diante do Concello a partir das 18.30 horas e mostra final do Obradoiro de Panxoliñas.