A proposta do Polígono Industrial da Fonsagrada supón un perigo para o Camiño Primitivo
Ecoloxistas en Acción Galiza alerta do perigo que supón para o Camiño Primitivo a proposta do Polígono Industrial da Fonsagrada aprobado no Plan Xeral de Ordenación Municipal.
A Xunta de Galicia e o Concello da Fonsagrada aprobaron o Plan Xeral de Ordenación Municipal que empraza un Polígono Industrial que afecta directamente ao Camiño Primitivo, declarado Patrimonio da Humanidade da Unesco.
O grupo Ecoloxistas en Acción Galiza e un grupo de veciños da zona solicitou ao Comité Nacional Español do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) un informe sobre a situación.
Tendo en conta a localización do Polígono Industrial proposta, así como o trazado e os seus accesos, fíxose un recoñecemento no lugar da proposta e das outras localizacións posibles. Tras esto, ICOMOS conclúe que non se xustifica convenientemente a elección da localización e que existen outras localizacións posibles de menor afectación para o Camiño e para o paisaxe. Dende o Comité Nacional Español do Consello Internacional de Monumentos e Sitios recomendan o estudo doutras localizacións que sexan menos agresivas ao trazo do Camiño Primitivo e a súa condición como BIC e Patrimonio Mundial.
Este informe contempla a posibilidade de localizar o Polígono en tres lugares distintos e próximos ao núcleo urbano.
Ecoloxistas en Acción Galicia declara que “no Plan Xeral de Ordenación Municipal da Fonsagrada non se aprecia sensiblemente a necesidade inmediata deste Polígono, tendo en conta que a 30 Km. en Cádavo-Baleira leva máis de 10 anos construído un Polígono industrial, no que soamente se construíron dúas naves, unha que serve de almacén e a outra sen ningún tipo de actividade, estando mellor situado que o da Fonsagrada, a 15 Km. da Autovía A Coruña — Lugo — Madrid e a 30 Km. de Lugo. Ademais a 15 km do Polígono de Cadavo-Baleira constrúese o Polígono Industrial de Castroverde, que leva máis de 5 anos executado e con só dúas naves construídas sen ningún tipo de actividade, e mellor situado que os anteriores” continúa.