A Protectora de Animais de Lugo presenta o proxecto de execución para evitar perder a licenza das instalacións

A Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo decidiu dar un paso adiante para garantir a continuidade do proxecto de mellora das súas instalacións e evitar a perda da licenza urbanística concedida. A entidade presentará o proxecto de execución co obxectivo de cumprir cos prazos establecidos e poder iniciar as actuacións canto antes.
A Protectora solicitara o 25 de abril de 2025 a licenza urbanística para a legalización, reforma e ampliación das súas instalacións actuais. Posteriormente, o 18 de outubro de 2025, recibiu a resolución favorable que autorizaba a intervención, aínda que condicionada á presentación dun proxecto de execución visado nun prazo máximo de seis meses desde a notificación. No caso de non cumprir este requisito, a licenza sería declarada caducada.
Ante a proximidade do prazo límite, a entidade lembra que mantivo unha reunión no Concello de Lugo, na que o alcalde se comprometeu, como administración competente, a axilizar os trámites necesarios para a sinatura dun convenio a tres bandas coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Porén, a día de hoxe a Protectora asegura non ter recibido resposta, o que a levou a tomar a decisión de presentar igualmente o proxecto de execución para avanzar con aquelas administracións dispostas a colaborar.
Desde a entidade subliñan que levan anos defendendo a necesidade de mellorar e adaptar as súas instalacións, non só para ofrecer unha mellor atención aos animais que acollen a diario, senón tamén para desenvolver o seu labor en condicións dignas e axeitadas.
A Protectora fai un chamamento á empatía e á colaboración efectiva por parte de todas as administracións, especialmente da local, que ten as competencias nesta materia. Neste sentido, consideran necesario deixar atrás as críticas e polémicas que non contribúen a avanzar, tras un proceso longo e complexo marcado por múltiples dificultades.
Con esta decisión, a entidade pretende evitar que se paralice un proxecto que cualifica de imprescindible tanto para o presente como para o futuro da Protectora, mantendo como prioridade o benestar dos animais.