A provincia promociona a a súa gastronomía e a Ribeira Sacra na primeira xornada en Fitur
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, apoiou en Fitur a presentación da 17ª edición da guía turística gastronómica da provincia de Lugo ‘…E para comer Lugo’, que edita a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, e na que estiveron presentes o resto de autoridades que asisten estes días en Madrid a esta cita turística.
Baixo o título Lugo, cos cinco sentidos, esta nova publicación busca que o visitante conecte máis co seu mundo interior e goce de todas as opcións que ofrece a provincia.
Pedro Blanco felicitou aos promotores desta iniciativa e repasou o apoio do Goberno de España, a través do Ministerio de Industria, para a transformación da oferta turística de Galicia, e da provincia de Lugo, a través dos plans de sostibilidade turística e outros investimentos que suman máis de 220 millóns de euros desde a fin da pandemia.
Este apoio, subliñou, ten unha vertente especifica no turismo enogastronómico, como sucede no Plan director de Turismo Gastronómico da Mancomunidade da Mariña, na modernización da oferta turística desde a gastronomía que se desenvolve co Concello de Lugo ou no apoio á incorporación de Viveiro ao proxecto Spain Culinary Villages, todos eles con investimentos do Goberno.
O delegado territorial, Javier Arias, tamén estivo presente e quixo ademais poñer en valor o traballo realizado no día a día polos hostaleiros lucenses, “que contribúe a impulsar un sector con tanto peso na nosa economía e representa un piar fundamental para consolidar a provincia como destino turístico”.
Por iso, dixo, a asociación “seguirá contando co apoio do Goberno galego, tanto nas campañas promocionais como nas accións de fomento do emprego nos ámbitos da hostalería e o turismo”.
O presidente da Apehl, Cheché Real, destacou: “Pretendemos que o visitante desconecte do seu día a día para realizar unha práctica pouco común nos tempos que corren: gozar sen présas”.
Cunha tirada de 15.000 exemplares, a publicación distribúese en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á Apehl, así como en todas as etapas da Volta Ciclista a España.
RIBEIRA SACRA
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores en Madrid na presentación do xeodestino Ribeira Sacra, Candidatura a Patrimonio Mundial e compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua, que se celebrou no stand de Turismo de Galicia. A este acto tamén asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Pérez, entre outras autoridades.
O mandatario provincial subliñou que a comarca da Ribeira Sacra é “un destino que sempre me gusta definir como un anaco de paraíso no interior de Galicia. Un recuncho singular que non é simplemente unha paisaxe excepcional, senón que se trata dun enclave inigualable que representa parte da nosa tradición e historia”.
Na súa intervención, Tomé Roca lembrou que “estamos vivindo un momento crucial para esta comarca coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade” e recalcou que “a Deputación de Lugo impulsou, desde un primeiro momento, a consecución desta distinción internacional e continuaremos realizándoo para que a Ribeira Sacra reciba este prestixioso recoñecemento”. Por último, rematou facendo fincapé na importancia de traballar “de forma conxunta para facelo realidade”.
PROXECTO TUREMBALSE
Por outra banda, nesta primeira xornada de FITUR 2025 a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, sumouse á presentación do proxecto Turembalse, que tivo lugar no stand de Turismo de Navarra.
García Porto recalcou que a institución provincial forma parte desta iniciativa “relacionada coa auga, porque está aliñada coa nosa aposta por un turismo sostible, de calidade, que coida do patrimonio e deixa un alto valor no territorio”.
“Desde a Deputación de Lugo consideramos que os encoros son un recurso natural de gran valor, que poden potenciarse de forma responsable e sostible. Este proxecto reflexa, precisamente, unha aposta clara por aproveitar as augas interiores como motor turístico, sen comprometer ao medio ambiente”, avanzou.