A quinta edición do Encontro de Fanzines Vaia Vaia volve a Lugo

LugoXa
A cita, organizada pola Asociación Cultural Vaia Vaia, regresa tras un ano de pausa cun formato renovado e cunha fanzinoteca itinerante que percorrerá o país para promover a autoedición
cartel-vaia-vaia-fanzines
14 Oct 2025

A Asociación Cultural Vaia Vaia volve despois dun ano de reflexión e pon en marcha a quinta edición do Encontro de Fanzines e Autoedición Vaia Vaia, unha cita xa recoñecida no panorama cultural galego. Nesta ocasión, o evento incorpora unha novidade destacada: o Gabinete de Autoedición Ambulante, a primeira fanzinoteca itinerante de Galicia, concebida para levar o espírito do fanzine a distintos puntos do territorio.

A programación, organizada en colaboración coa Vicerreitoría de Cultura e Estudantes dentro do Outono Cultural, terá lugar no Pazo de Montenegro os días 18, 20 e 25 de outubro e reunirá vinte proxectos de fanzine e autoedición que abarcan disciplinas como a ilustración, a literatura, o deseño gráfico ou as artes visuais. Ao longo da xornada, o público poderá coñecer, adquirir e intercambiar publicacións independentes, ademais de participar nun espazo de encontro creativo e alternativo.

O evento contará tamén cun obradoiro dirixido polo artista Mágico Eloy, unha sesión musical a cargo do DJ Betto, a proxección da curta El Club del Sida, do realizador panameño Milko Delgado —seguida dun coloquio co propio director— e un animado bingo fanzineiro que porá o toque festivo á xornada. A última edición, celebrada en 2022, reuniu máis de medio cento de proxectos galegos, estatais e internacionais, aínda que nesta ocasión o número redúcese a vinte para dar máis visibilidade á nova fanzinoteca.

O Gabinete de Autoedición Ambulante nace como un arquivo aberto e en constante crecemento, que medrará grazas ás achegas de artistas, creadoras e persoas interesadas. A súa particularidade reside en ser unha fanzinoteca móbil, pensada para viaxar por diferentes lugares de Galicia —sobre todo polo rural— co obxectivo de achegar a autoedición á cidadanía e fomentar novas creacións colectivas. En cada parada, o proxecto impulsará a elaboración dun fanzine colaborativo coa veciñanza, demostrando que calquera pode editar e publicar as súas propias ideas.

⚙ Configurar cookies
0.092231035232544