Celebran a primeira reunión para ir perfilando o San Froilán

A concelleira de Cultura e responsable das festas de San Froilán, Maite Ferreiro, mantivo unha xuntanza coas persoas concesionarias das casetas e caldeiros do polbo instalados na zona do parque durante as celebracións patronais de Lugo.
O encontro tivo como obxectivo comezar os preparativos para a edición 2025 das festas, garantindo o bo funcionamento dunha das tradicións gastronómicas máis emblemáticas do San Froilán.
Ferreiro destacou que "os lugares previstos para as casetas e caldeiros do polbo eran catro, pero xa levamos anos nos que o Concello saca este cuarto espazo a concurso sen que ninguén se presente". Polo momento, son tres os caldeiros e casetas que se instalan cada ano nas costas do Parque de Rosalía de Castro, a cargo de Aurora do Carballiño, Ramiro López e Nadela, cunha longa traxectoria no evento.
Durante a reunión abordáronse aspectos como os prezos dos produtos básicos, regulados polo Concello con tarifas públicas que se manterán este ano: a ración de 250 gramos de polbo continuará a 14 euros, a de 200 gramos de pan a 1,50 euros, os cachelos a 2 euros e o viño de mesa (3/4 de litro) a 6 euros.
A edil explicou tamén que "os contratos de casetas e caldeiros poden ser prorrogados este ano 2025, e esta foi unha primeira toma de contacto para que as festas sexan un éxito en todos os aspectos".
As casetas non só ofrecen a tradicional ración de polbo á feira, senón tamén unha variedade de produtos típicos da gastronomía galega, como os cachelos, viños do país, sobremesas e outras viandas, converténdose nun dos grandes atractivos culinarios das festas.
Con esta primeira reunión, o Concello de Lugo dá o pistoletazo de saída á organización do San Froilán 2025, unha das celebracións máis importantes de Galicia, con especial atención á calidade, tradición e seguridade da oferta gastronómica.