A RAG homenaxea a Paco Martín no 40 aniversario de ‘Das cousas de Ramón Lamote’

LugoXa | TerraChaXa
O Círculo das Artes de Lugo acollerá este mércores un acto de entrada libre que celebra a figura do escritor e o impacto da súa obra na literatura infantil e xuvenil galega
Paco-Martin
14 Oct 2025

A Real Academia Galega celebrará este mércores, 15 de outubro, no Círculo das Artes de Lugo unha homenaxe ao escritor chairego Paco Martín, coincidindo cos corenta anos da publicación de Das cousas de Ramón Lamote, a obra que lle outorgou por primeira vez ao galego un Premio Nacional de Literatura e que simbolizou o nacemento dunha nova etapa para a literatura infantil e xuvenil en lingua galega.

O acto, de entrada libre ata completar a capacidade da sala, comezará ás 17:30 horas e reunirá diferentes voces do ámbito literario e musical arredor da figura do autor lucense.

“Con este acto, a RAG recoñece as achegas de Paco Martín á literatura infantil e xuvenil galega, as súas contribucións a situala como parte da Literatura, con maiúsculas, e en ningún modo menor”, sinalou a directora da Sección de Literatura da Academia e coordinadora do encontro, Marilar Aleixandre.

O programa incluirá unha conversa entre o propio Paco Martín e a tradutora e crítica literaria Isabel Soto, cun espazo final aberto ás preguntas do público.

A continuación, o escritor Lois Pérez ofrecerá unha intervención titulada De cando o señor Lamote argallou un escritor chamado Paco Martín, mentres que o tradutor Alejandro Tobar afondará no perfil lector do homenaxeado e nos libros que compartiron.

A parte musical correrá a cargo de Branca Villares, que poñerá o broche artístico a unha celebración que conmemora o legado dun dos nomes fundamentais da literatura galega contemporánea.

A Real Academia Galega organiza este encontro coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o propio Círculo das Artes de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.072273969650269