A RAG presenta a programación das Letras Galegas 2024

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Academia anima a ler a Luísa Villalta e inclúe unha serie documental e contidos para a rapazada entre outras actividades.
presentacio protgrama letras galegas
31 Jan 2024

A Academia anima a ler a Luísa Villalta e inclúe unha serie documental e contidos para a rapazada entre outras actividades.

Do teatro á poesía, da música interpretada ao ensaio sobre a arte do son, da Coruña da infancia á Cidade Alta literaria. A partir do mes de marzo, o público poderá transitar estes e outros espazos físicos e conceptuais fundamentais na vida e na obra de Luísa Villalta a través da serie web sobre a autora que a Real Academia Galega está a producir. O documental de seis episodios, dirixido por Damián Varela e guionizado por Alba López, será unha das apostas destacadas da institución para celebrar e divulgar a personalidade que elixiu como protagonista do Día das Letras Galegas 2024. Unha escritora «esixente e intelixente que soubo situarse na emoción e na ambición expresiva a través de diversos xéneros», sinalou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na presentación da programación da Academia arredor da gran festa da cultura galega. O fin último do vindeiro 17 de maio é que o público lea a Luísa Villalta, cuxa escrita constitúe «unha ferramenta para pensar o noso mundo», engadiu a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, nun acto no que tamén interveu Susana Villalta, irmá da homenaxeada.

«Como analiza a magnífica biografía de Ana Romaní na web da RAG, Luísa Villalta é unha intelectual completa, unha pensadora», lembrou Marilar Aleixandre. «Poeta, música, mais tamén ensaísta, narradora, autora dramática e de artigos nos xornais, intervén nos debates do seu tempo coa palabra e a acción: feminista, nacionalista, rebelde. Na proposta presentada á RAG para dedicarlle o Día das Letras Galegas, diciamos que empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo. E o propósito de dedicarlle o próximo 17 de maio é levar a poesía e a escrita de Luísa á rúa, aos institutos, ás prazas como unha ferramenta para pensar o noso mundo. A súa voz insubornábel merece ser coñecida. Isto nos propoñemos: ler a Luísa Villalta», abondou.

“Coma fixo en edicións anteriores con outros autores, nestas Letras Galegas a RAG ofrecerá contidos que, dende a amenidade e a rigorosidade, dean a coñecer ou axuden o público xeral a profundar na personalidade e na obra de quen homenaxeamos, sen esquecermos os nenos e nenas, que son o futuro da lingua e da cultura de noso, e aos que lles dedicamos o proxecto Primavera das Letras», sintetizou o presidente da Academia. «Haberá tamén tempo para congregar especialistas que acheguen novas olladas a unha escritora que nos deixou antes de tempo, nun momento de madureza creativa no que xa dera mostras do seu talento e da profundidade do seu discurso. Vinte anos despois do seu pasamento, a obra de Luísa Villalta segue chea de vixencia e permítenos reflexionar sobre grandes temas da literatura, da vida e da actualidade social», engadiu na mesma liña o presidente da Academia.

A sección das Letras de academia.gal: unha fiestra ao universo Villalta

A RAG abriu o pasado 5 de xaneiro a sección das Letras Galegas 2024 en academia.gal cunha completa biografía asinada pola poeta, xornalista e académica Ana Romaní, compañeira de xeración de Luísa Villalta. Este espazo servirá de escaparate para os distintos contidos que a institución creará sobre ela e farase tamén eco doutras iniciativas para proxectar o seu legado.

Unha das primeiras estreas será a da nova edición da web para o público infantil Primavera das Letras, que acubillará unha fermosa historia sobre Luísa Villalta, Violino, Inglesas e o libro xigante, que ten como narradores o violín da homenaxeada e a guitarra de Rosalía de Castro. Os autores son o académico correspondente Xoán Babarro e Ana María Fernández, gañadores de premios como o Barco de Vapor e o Lazarillo. Lévaa á linguaxe plástica Óscar Villán, distinguido co Premio Nacional de Ilustración. O proxecto para os máis pequenos da casa -que inclúe tamén actividades interactivas e outras propostas lúdicas- será presentado a finais de febreiro en Sada da man da comunidade educativa do CEIP Sada y sus Contornos e unha representación do IES Isaac Díaz Pardo, onde Luísa Villalta exerceu como docente de Lingua e literatura galegas dende o ano 1991 ata a súa morte.

Pouco despois estrearase a serie web que está a realizar Miramemira, na que se vai tecendo un relato sobre a vida e a obra de Luísa Villalta a través dos testemuños de familia, amizades, creadores e creadoras e voces estudosas do seu legado como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar García Negro, Alexandrina Fernández Otero, Armando Requeixo, Xosé Luís Martínez Pereiro ou Inma Otero Varela.

A Coruña como materia literaria e espazo de homenaxe

O documental, que poderá verse en academia.gal, en Youtube e na TVG, arrinca coa infancia e os anos de formación da autora e prosegue poñendo o foco no seu mundo poético e o resto da súa produción literaria, a importancia da música na súa vida (era titulada superior en violino e formou parte da Orquestra de Santiago e posteriormente da Xove Orquestra de Galicia), o seu fondo compromiso cívico e o seu labor como docente. Conclúe cun derradeiro episodio sobre A Coruña no seu legado literario, cidade que deixou pegada especialmente no poemario premiado pouco antes do seu pasamento e editado postumamente, En concreto (2004), e mais Papagaio (2006). Neste último volume Villalta escribiu poemas que falan da violencia sexual e a especulación urbanística en diálogo coas fotografías nas que Maribel Longueira deu conta do derrubamento das vellas casas de prostitución do barrio que lle deu título.

A Coruña será tamén o escenario central do 17 de maio. A RAG celebrará na “Cidade Alta” de Luísa Villalta, onde a creadora naceu en 1957 e morreu prematuramente, aos 46 anos de idade, o 6 de marzo de 2004, vítima dunha meninxite. As alocucións académicas do pleno extraordinario e público correrán a cargo de Ana Romaní, Margarita Ledo e Manuel Rivas.

Xa na segunda metade do ano, á volta das vacacións de verán, a RAG celebrá un simposio académico no que diversas voces especialistas presentarán distintas lecturas da obra de Luísa Villalta e do seu activismo cívico e cultural. Unha ocasión especial para pensar o mundo actual a través, en palabras de Ana Romaní, dunha «obra marcada pola exploración, o pensamento apaixonado, a procura do rigor ».


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18897199630737