A Real Academia Galega homenaxea a Paco Martín no 40 aniversario de ‘Das cousas de Ramón Lamote’

A Real Academia Galega celebrará o mércores 15 de outubro no Círculo das Artes de Lugo unha homenaxe ao escritor chairego Paco Martín, coincidindo cos corenta anos da publicación de Das cousas de Ramón Lamote, a obra que lle outorgou por primeira vez ao galego un Premio Nacional de Literatura e que simbolizou o nacemento dunha nova etapa para a literatura infantil e xuvenil en lingua galega.
O acto, de entrada libre ata completar a capacidade da sala, comezará ás 17:30 horas e reunirá diferentes voces do ámbito literario e musical arredor da figura do autor lucense.
“Con este acto, a RAG recoñece as achegas de Paco Martín á literatura infantil e xuvenil galega, as súas contribucións a situala como parte da Literatura, con maiúsculas, e en ningún modo menor”, sinalou a directora da Sección de Literatura da Academia e coordinadora do encontro, Marilar Aleixandre.
O programa incluirá unha conversa entre o propio Paco Martín e a tradutora e crítica literaria Isabel Soto, cun espazo final aberto ás preguntas do público.
A continuación, o escritor Lois Pérez ofrecerá unha intervención titulada De cando o señor Lamote argallou un escritor chamado Paco Martín, mentres que o tradutor Alejandro Tobar afondará no perfil lector do homenaxeado e nos libros que compartiron.
A parte musical correrá a cargo de Branca Villares, que poñerá o broche artístico a unha celebración que conmemora o legado dun dos nomes fundamentais da literatura galega contemporánea.
A Real Academia Galega organiza este encontro coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o propio Círculo das Artes de Lugo.