A Real Filharmonía de Galicia actúa baixo a dirección de Enrico Onofri en Lugo
Este mércores 15 de maio, a Real Filharmonía de Galicia actúa no Círculo das Artes de Lugo baixo a dirección de Enrico Onofri. O concerto comezará ás 20.00 horas e interpretaranse F. Paër: Abertura de Leonora, A. Sacchini: Ciaccona en do menor, J. M. Kraus: Sinfonía en do menor, VB 142 r L. v. Beethoven: Sinfonía núm. 4 en Si bemol Maior, op. 60.
Os interesados xa poden adquirir as entradas nas oficinas do Círculo das Artes ou reservalas en filarmonicadelugo@gmail.com. Redescubrir é o verbo que activa este programa, comezando con Ferdinando Paër, compositor de gran fama ata que o século XX o esqueceu por completo; un exemplo é a súa ópera Leonora, eclipsada pola obra de Beethoven, a pesar do seu éxito en 1804, dous anos antes da estrea da Sinfonía núm. 4 de Beethoven, obra xenial pero opacada entre a monumental 3º e o pathos tráxico da 5ª.
Antonio Sacchini morreu aos 57 anos, deixando 50 óperas e unha vida de luxo, excesos e obras de todos os xéneros, entre as que figura a súa Ciaccona en do menor. Joseph Martin Kraus foi coetáneo de Mozart (e morreu coa mesma idade, 36 anos); admirado por Haydn, foi compositor na corte de Gustavo III de Suecia, non sen antes pasar anos de penuria. Destaca entre as súas 15 sinfonías a escrita en do menor.
Director titular da Filharmónica Toscanini de Parma, director principal invitado da Haydn Philharmonie de Eisenstadt, director asociado da Orchestre National d’Auvergne, dende 2022 Director asociado da Münchener Kammerorchester, director musical e director da orquestra Academia Montis Regalis, Enrico creceu no taller de antigüidades dos seus pais en Rávena (Italia), rodeado da beleza do pasado dende o inicio dos seus estudos musicais, desenvolvendo así unha paixón polas interpretacións históricas.
Como director e solista, veuse levado a explorar o repertorio do século XVII ao XX creando a súa linguaxe persoal a través do coñecemento das praxes históricas, pensadas como extraordinarias fontes de inspiración para novas ideas e panoramas na interpretación. A súa carreira comezou cunha invitación de Jordi Savall para ser concertino da Capella Real cando aínda era estudante.