A Real Filharmonía de Galicia dará un concerto este venres en Lugo

O Círculo das Artes de Lugo acolle este venres, 6 de decembro, o concerto da Real Filharmonía de Galicia ás 20.00 horas con Nil Venditti, como directora, e Noelia Rodiles, ao piano.
O programa musical estará composto por As Criaturas de Prometeo, Op. 43 (Abertura), de Beethoven; Concerto para piano nº 12 en La maior, KV 414, de Mozart; Concerto para piano en La maior, de Marianne von Martínez; e Sinfonía núm. 2 en Si bemol maior, D 125, de F. Schubert.
Nil Venditti é unha nova directora turco-italiana, que a principal directora invitada da Orquestra da Toscana e nesta tempada directora invitada principal da Royal Northern Sinfonia e colabora estreitamente coa Filharmónica dos Países Baixos, a Orquestra Nacional do Capitolio de Toulouse e o Ensemble Ancyra de Ankara.
Pola súa parte, Noelia Rodiles ten unha ampla traxectoria musical, participando nas principais salas de España, como o Auditorio Nacional de Música, Teatro Real, Auditorio de Zaragoza, Auditori de Barcelona, Palau da Música Catalá, Fundación Juan March, Auditorium de Palma ou Teatros do Canal, e en ciclos e festivais como Xoves Intérpretes da Fundación Scherzo, Schubertíada de Vilabertrán, Festival de Música e Danza de Granada, Festival Internacional da Arte Sacra de Madrid ou a Quincena Musical Donostiarra, así como en Alemaña, Italia, Suíza, Francia, México ou Polonia.