A Rede de Custodia Agraria organiza en Pol unha xornada sobre manexo respectuoso do territorio nunha gandaría

Pol
LugoXa | TerraChaXa
A xornada incluirá tamén unha acción de voluntariado ambiental centrada na restauración dunha charca e unha degustación
actividade-en-pol-custodia-do-territorio
18 Oct 2025

A Rede de Custodia Agraria da Reserva da Biosfera Terras do Miño organiza o próximo sábado, 25 de outubro, unha xornada aberta de visita e voluntariado na Veiga de Luaces, no concello de Pol, coa colaboración da Deputación de Lugo. A actividade desenvolverase entre as 10:00 e as 15:00 horas e ofrecerá a oportunidade de coñecer de preto o traballo de produción sostible que se realiza neste espazo.

Durante a visita, Quico Ónega, responsable da gandaría de ovellas da Veiga de Luaces, explicará o seu modelo de manexo respectuoso co territorio e as prácticas que permiten compatibilizar a actividade agraria coa conservación da natureza.

A xornada incluirá tamén unha acción de voluntariado ambiental centrada na restauración dunha charca, co obxectivo de mellorar a biodiversidade e recuperar hábitats de interese ecolóxico.

Como broche final, celebrarase unha degustación de produtos locais da Reserva da Biosfera Terras do Miño, un espazo de encontro no que as persoas participantes poderán compartir experiencias e coñecer outros proxectos de produción sostible do territorio lucense.

Esta iniciativa, aberta ao público, forma parte das accións impulsadas pola Deputación de Lugo para promover a custodia do territorio, o desenvolvemento rural sostible e o respecto polo medio natural.

⚙ Configurar cookies
0.073363065719604