A Rede de Custodia Agraria organiza xornadas de voluntariado para mellorar charcas en leiras

A Rede de Custodia Agraria continúa a traballar xunto con gandeiros e gandeiras comprometidos coa conservación da biodiversidade agraria e ao longo do mes de novembro desenvolverá varias xornadas de voluntariado e mellora ambiental. Estas actividades están enfocadas na creación e restauración de charcas en leiras que forman parte da rede, promovendo espazos clave para a vida silvestre e contribuíndo á saúde ecolóxica do territorio.
A primeira sesión terá lugar o domingo 9 de novembro na gandería Josmar Baralla, onde se creará unha nova charca. O sábado 15 de novembro será a quenda da gandería La Cabreta, en Lugo, para a restauración dunha charca xa existente, e o sábado 22 de novembro as actuacións trasladaranse aos Montes Veciñais en Man Común de Carballo, en Friol, co obxectivo de restaurar a charca asociada ás Sete Fontes.
As xornadas desenvolveranse en leiras que aplican manexo rexenerativo e prácticas agroecolóxicas, modelos produtivos que coidan o solo, a auga e a biodiversidade. Durante cada sesión, os participantes poderán coñecer de preto o traballo das ganderías e colaborar en accións de voluntariado ambiental, favorecendo especialmente a conservación de especies vinculadas a ecosistemas acuáticos.
Ao remate de cada actividade, haberá un encontro con degustación de produtos locais da Reserva da Biosfera Terras do Miño, ofrecendo aos asistentes un espazo para gozar dos sabores do territorio e fortalecer lazos entre participantes.
Estas actividades están subvencionadas pola Deputación Provincial de Lugo e contan co apoio das entidades locais implicadas no proxecto, consolidando así un modelo de colaboración que une voluntariado, educación ambiental e preservación do medio rural.