A Rede Museística ofrece formación en estratexias e contidos dixitais para profesionais de museos
A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) vén de crear unha comunidade de aprendizaxe onde compartir en aberto un proceso colectivo de reflexión e formación sobre estratexias e contidos dixitais.
As novas demandas sociais derivadas da transición dixital da sociedade son o punto de partida deste tipo de propostas, que se viron aceleradas co impacto que tivo a pandemia e a necesidade de minorar as fendas dixitais. O reto dunha verdadeira transformación dixital sustentable e inclusiva, explican desde a Rede Museística, baséase nos principios de calidade no servizo, igualdade de acceso, universalidade e participación.
Con esta premisa, que pon sobre a mesa o equilibrio entre a dimensión presencial e a virtual, o programa formativo, coordinado por BenCuriosa, consta de varios bloques formativos, prácticos e aplicados que se combinan con análises de boas prácticas.
O obxectivo principal é dotar de ferramentas para deseñar e avaliar estratexias dixitais que integren infraestruturas, organización interna, competencias dixitais, públicos e redes de colaboración, servizos, actividades, contidos dixitais e canles de comunicación. Este proceso colectivo está pensado para integrar, de xeito gratuito, a todas as profesionais que traballen en pequenos espazos culturais ou divulgativos de proximidade, como museos locais, centros culturais, bibliotecas, centros de interpretación, etc.
Os contidos principais abranguen o papel dos espazos culturais de proximidade na contorna dixital, cidadanía e benestar dixital, altermuseoloxía na rede, inclusión dixital, mediación cultural e didáctica virtual ou activismo dixital.
As persoas profesionais interesadas nesta iniciativa poden ampliar información e inscribirse nas páxinas web comunidadermpl.es/estratexia-dixital (galego) ou comunidadermpl.es/estrategia-digital (castelán).
No caso de participar desta iniciativa, ofrecerase o acceso a unha plataforma sinxela e intuitiva, con contidos visuais accesibles a través de calquera navegador e cun servizo de atención en horario laboral. A experiencia estará guiada a través dunha metodoloxía b-learning, adaptando a aprendizaxe en liña con sesións regulares de encontro e reflexión en común, participativas e acompañadas por especialistas.
Museoloxía social
A Rede Museística Provincial de Lugo é unha referencia galega, estatal e internacional, recoñecida polas súas boas prácticas en museoloxía social, igualdade, xénero e inclusión. Porén, presta especial coidado á hospitalidade e a promover o seu papel socioafectivo ante unha esfera dixital cada vez máis homoxénea.
Neste baleiro é onde se fan imprescindibles espazos innovadores para acceder ao coñecemento e ao lecer, que nos conecten independentemente da nosa procedencia, idade, formación ou ideas, co obxectivo de afrontar retos e procurar respostas ante as necesidades da sociedade actual.