A Rede Museística Provincial celebrou o Día Internacional das Persoas Migrantes

LugoXa
O músico Vadim Yukhnevich, a artista plástica Luz Darriba, a directora da FADAS Lugo, Ana Bereciartúa; e o tradutor Alí Lahna compartiron a súa experiencia e reflexión como persoas migrantes
Rede-Museística-Lugo-Día-Internacional-das-Persoas-Migrantes
19 Dec 2024

A Rede Museística Provincial celebrou o Día Internacional das Persoas Migrantes cunha xornada de actividades en que se reforzou o compromiso dos museos provinciais coa comunidade migrante, canalizado na última década a través do programa 'Culturas en Diálogo'.

O Museo Provincial de Lugo acolleu a lectura dun manifesto, no que se puxo en valor o dereito das persoas “a circular libremente e a elixir a súa residencia no territorio dun Estado” e a “saír de calquera país, incluso do propio, e de regresar”; recollido na Declaración dos Dereitos Humanos, e se reivindicou o papel dos museos para acoller esa diversidade e incorporala ao diálogo e a creación cultural.

O músico Vadim Yukhnevich, a artista plástica Luz Darriba, a directora da FADAS Lugo, Ana Bereciartúa; e o tradutor Alí Lahna leron o texto e compartiron a súa experiencia e reflexión como persoas migrantes durante un percorrido pola exposición temporal 'Museo da Migración da RMPL: punto de partida', no claustro e no refectorio do Museo.

A instalación, con paneis que apelan á reflexión das persoas visitantes sobre a migración e a diversidade, divídese en tres bloques: orixe, viaxe e destino, que se identifican cos procesos dunha migración, desde as razóns que motivan a saída ata o desafío de integrarse nun territorio, comunidade e cultura novas.

Este espazo de reflexión e escoita proponse como punto de inicio para a creación do Museo da Migración, un espazo virtual que ten como obxectivo abordar a migración desde unha perspectiva interseccional e fomentar o diálogo intercultural a través da creación e a participación comunitaria.

Con este obxectivo, a Rede Museística pon en marcha unha canle de comunicación aberta á participación de toda a cidadanía na que recollerá suxestións e propostas en relación co contido dese museo virtual en creación, co obxectivo de inauguralo o vindeiro 18 de maio: o número de teléfono 698 914 849 no que se recollerán textos e audios arredor desta temática.

A xornada continuou pola tarde coa inauguración da mostra 'As Xoias do Deserto', cunha selección de xoias tradicionais, fotografías evocadoras e vestimentas características das mulleres bereberes. Trátase dunha colección de Atlántica Centro de Arte, que as pezas para esta exposición temporal, instalada no último andar do Museo Provincial, a carón da Sala de Arte Africano, que permite achegarse á riqueza cultural e artística dunhas comunidades cunha longa historia e identidade propia.

O Museo tamén acolleu o obradoiro intercultural e interxeneracional 'Mariquiñas e Cuquitas' organizado pola Asociación Rioplatenses de Lugo, no que se convida a compartir os diversos modos de crear xogar con bonecas de papel en Galicia e en Arxentina e Uruguai.

A xornada culminou coa performance poética 'A outra patria', unha proposta escénica de Simón Rodríguez Landaeta, coñecido como O Galego de Caracas, a partir do poemario homónimo, publicado en 2024 por Medulia Editorial, no que o autor reflexiona sobre a experiencia migratoria, as mudanzas identitarias e o impacto cultural do desprazamento, e co concerto 'Camiño Aberto unha viaxe musical', que une as culturas de Galicia e Latinoamérica a través da voz de Rosa Leiro e do piano de Juan Carlos Cambas.

⚙ Configurar cookies
0.15965294837952