A Rede Museística Provincial de Lugo organiza actividades no marco da exposición 'Ronsel. 100 anos despois'
No marco dos actos de clausura da exposición Ronsel. 100 anos despois, que conmemora o centenario da publicación da emblemática revista en Lugo, a Rede Museística Provincial de Lugo acollerá este martes, 29 de outubro, unha serie de actividades complementarias nesta recta final da mostra.
A xornada comezará ás 18.00 horas cunha visita guiada á exposición a cargo de persoal da Rede Museística Provincial de Lugo, que ofrecerá unha visión profunda sobre os contidos e relevancia da mostra.
Ás 18.30 horas, celebrarase a presentación de Ronsel. Caderno de arte da RMPL, coa participación de Iria Castro, deputada delegada da área de Cultura; Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL); e Anne Nikitik, representante da Fundación VAC-AN.
Este caderno didáctico pretende ofrecer unha ferramenta educativa para que os máis pequenos poidan aproveitar e comprender o contido da exposición de maneira accesible e divertida. Todos os nenos e nenas que asistan ao evento recibirán unha copia deste caderno, que tamén estará dispoñible en formato descargable na páxina web da Rede Museística.
Para culminar os actos, ás 19.00 horas, o público poderá gozar do concerto Ronsel 100: a música nas revistas de vangarda, a cargo do tenor Jonatan Alvarado e o guitarrista Samuel Diz, que se realizará ao finalizar a presentación. Unha proposta musical especialmente deseñada para reflectir o espírito vangardista de Ronsel, que será un broche de ouro para esta celebración centenaria.
Con esta serie de actividades, a Rede Museística Provincial de Lugo convida a todos os públicos a participar e despedir esta exposición que homenaxea unha das publicacións culturais máis significativas da historia de Lugo e Galicia.