A Rede Museística Provincial impulsa en decembro un programa dedicado aos dereitos culturais

LugoXa | TerraChaXa | RibeiraSacraXa
Os museos da provincia acollerán encontros, actos conmemorativos e exposicións coa participación da comunidade migrante e de recoñecidos profesionais do sector
Cousas-Nosas-Museo-Provincial-de-Lugo
1 Dec 2025

A Rede Museística Provincial de Lugo pon en marcha ao longo de todo o mes de decembro unha programación centrada nos dereitos culturais e na cultura de paz, unha iniciativa agrupada baixo o título 'Cousas nosas' coa que os museos da provincia reforzan a súa función como espazos de benestar, acollida e xustiza social.

A proposta inclúe xornadas divulgativas, eventos especiais e diversas exposicións, e contará coa implicación directa da comunidade migrante, do colectivo vinculado ás actividades de Ioga e Arte do Museo Provincial de Lugo, de entidades sociais e de representantes doutros centros museísticos como o Museo da Paz de Gernika, o Museo Picasso e o Museo Marítim de Barcelona ou o Museo Thyssen.

A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, destacou que esta iniciativa concibe os museos como lugares para coñecer e compartir, tecendo vínculos afectivos e críticos que contribúan a construír unha sociedade máis hospitalaria, consciente e integradora. Subliñou ademais que a paz e os dereitos culturais non son elementos estáticos, senón realidades que se viven, se debaten e mesmo se cuestionan, formando parte da experiencia cidadá.

A programación arranca este luns, 1 de decembro, coa presentación dun selo postal coa imaxe do Museo da Migración da Rede Museística Provincial de Lugo, un espazo dixital que visibiliza as migracións como parte esencial da historia e da sociedade actual.

O Pazo de Tor e o Museo de San Paio de Narla acollerán o 2 de decembro unha xornada sobre dereitos culturais e cultura de paz enmarcada no programa “Cousas Nosas” que contará coa participación de responsables doutros museos como o Museo da Paz de Gernika e do Museo Piccaso de Barcelona, que exporán Museo Pazo de Tor .

No Museo Pazo de Tor, ás 09:00 horas, iniciarase a actividade De camiño a Tor, un obradoiro a bordo do autobús no que se desenvolverá a sesión Ioga e Arte na RMPL: Corpo, atención e benestar como dereito cultural, dirixida por Stephanie Cubides (In itinere).

A partir das 10:00 e até as 13:30 horas celebraranse diferentes relatorios e presentacións de experiencias. Entre elas, Que facemos e que podemos facer nun Laboratorio sobre Dereitos Culturais e Diversidade Cultural na Universidade de Zaragoza, a cargo de Jorge Jiménez (Universidade de Zaragoza). Así mesmo, desenvolverase a intervención Coserlle godets ao museo, presentada por Tonina Cerdà, xefa de Programas Públicos do Museu Picasso de Barcelona, xunto cos proxectos impulsados pola RMPL. Nesta sesión participarán tamén Paula Cabaleiro, Daniel Vázquez, Carlota Pérez e Zinthia Palomino.

Pola tarde, no Museo Fortaleza San Paio de Narla, entre as 16:00 e as 19:15 horas, celebrarase a xornada Educación, Paz e Museos. Neste espazo abordaranse temas como a educación histórica, a interseccionalidade crítica e a cultura democrática, nun relatorio impartido por Belén Castro (Universidade de Santiago de Compostela). Seguiralle a charla Comprender a violencia para construír a Paz: Percepcións estudantís sobre conflitos e violencia na aula, conducida por Manuel Pousa (IES María Casares de Oleiros). A continuación terá lugar a presentación do Museo da Migración da RMPL, a cargo de Encarna Lago (Xerente da RMPL), xunto con Ruth Sousa e Sergio Lago (Bencuriosa). Tamén se presentará o Museo da Paz de Gernika, coa participación de Iratxe Momoitio, directora do museo, e de Idoia Orbe, responsable do departamento educativo.

Finalmente, no Pazo de San Marcos, ás 20:00 horas, representarase a obra de teatro Zulo, da compañía Palimoquiños Teatro, baixo a dirección e dramaturxia de Paloma Lugilde. A peza foi gañadora do 1º Premio Xuventude Crea de teatro amador.

OUTRAS ACTIVIDADES

Ao longo da semana desenvolveranse diferentes encontros, entre eles unha xornada no Pazo de Tor e en San Paio de Narla titulada “Encontro de saberes compartidos. Dereitos culturais en acción e cultura de paz”, ademais dun foro específico sobre “Museos sociais e inclusivos” no Museo Provincial, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Tamén se inaugurará a exposición “Tecendo redes: migración, arte e Lugo”, promovida pola Asociación de Inmigrantes e Retornados Rioplatenses e con obras de diversos artistas vinculados á contorna lucense.

Outro dos momentos destacados será a xornada “Arte, museo, saúde e benestar”, que terá lugar o venres 5 de decembro e na que participarán mulleres habituais dos programas Ioga e Arte e Escritura Epistolar, unha proposta que fomenta a comunicación entre visitantes do Museo Provincial e do Museo do Prado.

A programación estenderase durante todo o mes con actividades centradas nas migracións, na convivencia intercultural e na saúde emocional, incluíndo unha viaxe ao Museo Etnográfico de Grandas de Salime para a apertura dunha exposición itinerante.

O Día Internacional das Persoas Migrantes celebrarase cunha ruta pola cidade de Lugo xunto á comunidade migrante e coa inauguración da mostra “Memorias Migrantes: arquivo gráfico en construción”, que se complementará coa presentación do proxecto “126+”.

O calendario pecharase o venres 19 de decembro cunha actividade titulada “Hackea a túa visita”, unha proposta orientada a promover diálogos en clave decolonial no seo da Rede Museística.

⚙ Configurar cookies
0.11732602119446