A Rede Til organizou a xornada ‘Xustiza Social: desafíos e oportunidades. Mocidade migrante e acceso ao emprego’

LugoXa
No acto, Olimpia López destacou políticas públicas e programas de emprego que favorecen a autonomía e o talento da xuventude estranxeira
Rede-Til-Lugo
20 Feb 2026

A xornada ‘Xustiza Social: desafíos e oportunidades. Mocidade migrante e acceso ao emprego’, organizada pola Rede TIL, que agrupa a quince entidades sociais da provincia de Lugo, contou coa presenza da subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, quen reafirmou o compromiso do Executivo coa igualdade de oportunidades e a inclusión social.

Durante o acto, López puxo en valor o labor das organizacións que integran esta rede, sinalando que o seu papel é “imprescindible para construír unha sociedade máis cohesionada, máis solidaria e preparada para afrontar os retos do futuro”. A subdelegada subliñou que a realidade migratoria está estreitamente vinculada ao presente e ao futuro do país, lembrando que en España viven máis de 1,38 millóns de persoas estranxeiras de entre 15 e 29 anos, o que representa arredor do 17,6% da mocidade. Case un 18,7% deste colectivo conta con educación superior, evidenciando o talento e o potencial que achegan ao desenvolvemento económico e social. López destacou que “investir na mocidade migrante non é só unha cuestión de xustiza social, senón tamén unha decisión estratéxica para garantir o progreso e a sustentabilidade do noso modelo de convivencia”.

A subdelegada repasou tamén as principais políticas públicas do Goberno para favorecer a integración e autonomía da xuventude migrante, impulsadas en coordinación co Ministerio de Xuventude e Infancia e co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Entre elas destacou o novo Regulamento de Estranxeiría, en vigor desde 2025, que amplía ata un ano o visado de procura de emprego, reforza vías de regularización a través do arraigo sociolaboral e socioformativo, e incorpora a figura de “arraigo de segunda oportunidade”. Tamén flexibiliza a situación do estudantado internacional, permitindo traballar ata 30 horas semanais, e simplifica os procedementos administrativos para ofrecer maior seguridade xurídica a traballadores e empresas.

Ademais, López puxo en valor programas de emprego xuvenil como o Plan de Garantía Xuvenil Plus 2021-2027, dotado con máis de 4.900 millóns de euros, e iniciativas como GECCO, que garanten procesos de contratación seguros, así como convocatorias de subvencións para a inserción laboral e acollida integral de persoas inmigrantes, con especial atención á mocidade e ás mulleres.

A subdelegada advertiu tamén do risco dos discursos de odio e da exclusión, e animou a promover relatos positivos sobre a migración e a educación en valores democráticos como ferramentas para garantir a cohesión social. “A calidade dunha democracia mídese tamén pola súa capacidade para non deixar a ninguén atrás”, concluíu, animando ás institucións e á sociedade civil a traballar coordinadamente para que cada moza e mozo, independentemente da súa orixe, poida desenvolver o seu proxecto de vida con dignidade.

⚙ Configurar cookies
0.095724105834961