A reedición dunha obra histórica sobre a provincia de Lugo chega ao Vello Cárcere

LugoXa
A recuperación de 'Historia fin de siglo' celebra os 125 anos da publicación orixinal de Antonio Correa Fernández
Antonio-Correa-Fernández-Historia-fin-de-siglo
20 Nov 2025

O próximo sábado 22 de novembro, ás 12.30 horas, o Vello Cárcere converterase no escenario da presentación da reedición facsímile de Historia fin de siglo: descripción histórico-geográfica de la provincia de Lugo con las biografías de sus habitantes e hijos más notables en el último año del siglo XIX.

A obra, elaborada polo médico lucense Antonio Correa Fernández e publicada inicialmente no ano 1900 coa colaboración económica da Deputación Provincial e a edición da Tipografía de A. Villamarín. Valín Libros, recupera agora este volume histórico nunha reprodución exacta da primeira edición.

No acto intervirán Tareixa Antía Ferreiro Tallón, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua; Eduardo Álvarez González, licenciado en Filoloxía Románica e en Dereito; e Xosé Manuel Valín Barreiro, editor desta nova publicación.

A presentación coincidirá coa conmemoración do 125 aniversario do lanzamento do libro, unha obra na que Correa Fernández describe a realidade xeográfica, económica e demográfica da provincia de Lugo a comezos do século XX, acompañada das biografías das figuras máis destacadas da cidade naquela época.

Esta reedición facsímile pretende achegar ao público contemporáneo un documento fundamental para comprender o contexto histórico lucense de finais do século XIX, mantendo intacto o formato e o contido da edición orixinal de 1900.

⚙ Configurar cookies
0.10170888900757