A regularización das vivendas da Croa está na recta final da súa tramitación
O procedemento para entregar ás familias que ocupan as 15 vivendas da Croa as escrituras das mesmas segue o seu curso segundo o previsto.
O tenente de alcaldesa e portavoz municipal, Miguel Fernández, explicaba no seo da Comisión de Sostibilidade Urbana que, toda vez que varias edificacións deshabitadas que ocupaban os terreos foron xa demolidas e que se elaborou o proxecto de reparcelamento dos predios, “os servizos municipais implicados están a verificar nestes momentos que a reurbanización que se levou a cabo na zona se adecúa ás condicións esixibles, tras o cal procederase á inscrición das parcelas resultantes no Rexistro da Propiedade”.
“Será entón cando, xa sendo propiedade do Concello a todos os efectos poidan ser obxecto de transmisión aos seus titulares definitivos”, sinalou o concelleiro.
Fernández recordou que a Administración local realizou no último ano un investimento de 36.728 euros para eliminar unhas pequenas construcións sen uso e crear unha zona libre dunha extensión aproximada de 1.900 m², entre áreas verdes e dotacionais que mellorarán a contorna e propiciarán o seu uso por parte da cidadanía.