A raíña emérita visita Lugo para coñecer o banco de alimentos
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, acompañou á raíña emérita Doña Sofía na visita ao banco de alimentos da cidade, dentro da campaña de apoio da fundación que leva o seu nome a institucións de carácter social do país. Tras manter un encontro na Finca Fortaleza xunto coa alcaldesa, Paula Alvarellos, así como representantes de institucións públicas e da Federación de Bancos de Alimentos, desprazáronse ata as instalacións da rúa do Comercio, no polígono do Ceao.
Isabel Rodríguez agradeceu o labor dos voluntarios e voluntarias do banco de alimentos de Lugo, que ofrecen axuda a preto de 1.700 familias cada semana, e co que o Goberno mantivo unha colaboración asidua nos últimos anos co fin de cubrir as necesidades das familias máis vulnerables. Por delegación do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tamén participou na visita realizada pola ás instalacións do Banco de Alimentos de Lugo, entidade coa que colabora anualmente a institución provincial cunha achega de 10.000 euros destinada á compra de ovos para as familias beneficiarias.
Na visita real, Pablo Rivera acompañou a Dona Sofía e a representantes da Federación Española do Banco de Alimentos no percorrido polas instalacións que a entidade solidaria lucense ten no polígono do Ceao, e onde a raíña coñeceu de primeira man o traballo tan importante que desenvolve na provincia. O presidente da Deputación fíxolle chegar á raíña emérita unha mensaxe na que desculpou a súa ausencia na visita por cuestións de axenda inaprazables, e lle trasladou o seu agradecemento “por esta nova mostra de cariño cara a provincia de Lugo” e polo “respaldo que a súa presenza supón para a actividade dunha entidade volcada en axudar a quen máis o necesita”. Os bancos de alimentos son “a expresión do carácter solidario que caracteriza á sociedade lucense. Exemplifican os valores da convivencia e axuda mutua que sustentan os mellores valores da nosa democracia, sempre respaldados pola Casa Real”, expón o mandatario provincial na súa mensaxe a Dona Sofía.