A renovación da rúa Serra de Meira avanzará este verán tras desbloquearse as obras do río rato

LugoXa
O delegado territorial, Javier Arias, reuniuse con representantes dos barrios para informar sobre o proxecto, que estará actualizado no mes de xullo tras os atrasos derivados das obras no río Rato
Reunion-plan-paradai-Xunta-Gandaras
28 Jun 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión cos presidentes das asociacións veciñais Barrio de Paradai e Gatos Roxos, Christian Fernández e Jaime Gueimonde, para informarlles dos prazos previstos no proxecto de renovación da rúa Serra de Meira, concretamente no tramo comprendido entre as rotondas de Serra de Meira e da avenida Adolfo Suárez. A actuación está enmarcada no conxunto de intervencións do Plan Paradai.

Durante o encontro, Arias explicou que, a pesar de que a Xunta conta cun orzamento consignado para esta obra desde o ano 2018, non foi posible impulsar a súa execución ata finais do pasado ano debido aos constantes atrasos nas actuacións previas que debía acometer o Concello de Lugo xunto coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil no leito do río Rato, co fin de reducir o risco de inundacións.

Unha vez rematadas esas obras, a Xunta traballa agora na actualización do proxecto de renovación de Serra de Meira, que se prevé completar no mes de xullo. Arias lembrou que o deseño actual parte dun acordo co Concello de Lugo nunha reunión celebrada na Delegación Territorial o pasado mes de abril.

A proposta consensuada contempla a construción de muros de contención para o ensanche da vía fóra da zona de servidume, mantendo as ramplas de acceso ao río para peóns e ciclistas, as prazas de aparcadoiro en liña na marxe esquerda (a oposta ao río) e as paradas de autobús en ambas marxes do vial.

O delegado trasladou tamén aos representantes veciñais que, unha vez finalizada a actualización do proxecto, será necesario formalizar un convenio co Concello para que a Xunta poida executar as obras, xa que se trata dunha vía de titularidade municipal. Ademais, o goberno local deberá solicitar a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, aínda que Arias confía en que o trámite sexa rápido, dado que xa se estableceron contactos previos coa entidade.

O representante autonómico reafirmou o compromiso da Xunta co desenvolvemento do Plan Paradai, lembrando que xa se executou a rotonda e o vial de Ponte Paradai, estase traballando na renovación de Serra de Meira e, máis adiante, abordarase a mellora da Calzada das Gándaras.

Arias aproveitou a reunión para agradecer ás asociacións veciñais a súa “constante preocupación e implicación” nas actuacións vinculadas a este plan estratéxico para a cidade de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.20122313499451