A renovación de Aquilino Iglesias comezará a finais de mes

LugoXa
A renovación da rúa Aquilino Iglesias Alvariño, na contorna de Lamas de Prado xa está aprobada segundo anunciou o tenente alcalde Rubén Arroxo.
11 Jan 2023

A renovación da rúa Aquilino Iglesias Alvariño, na contorna de Lamas de Prado xa está aprobada segundo anunciou o tenente alcalde Rubén Arroxo.

Arroxo explicou que "continuamos coa renovación integral da contorna de Lamas de Prado, que comezou coa renovación da rúa principal, e que continuará coa mellora da quinta rúa de Lugo máis poboada", e anunciou que a Tenencia de Alcaldía iniciará a finais deste mes os traballos na zona.

A renovación desta rúa incluirá a mellora das actuais zonas peonís, con novo mobiliario urbano e ampliando o número de árbores instaladas nesta rúa. Os pasos de peóns elevaranse, "avanzando tamén no calmado do tráfico en toda a cidade, unha das solicitudes que cada vez realizan máis veciñas e veciños de Lugo", explicou o tenente alcalde.

O alumeado público da rúa renovarase, avanzando na implantación de luminarias LED de baixo consumo, e engadindo novos puntos de luz nas beirarrúas e na zona de xogos que actualmente non contan con alumeado, "eliminando as zonas escuras da rúa", afirmou Arroxo.

O tenente alcalde afirmou que "desde o Goberno de Lugo seguimos actuando nunha zona da cidade que require de moitas melloras no espazo público". Unha vez os traballos den comezo, a empresa axudicataria terá un prazo de 6 meses para completar a renovación da rúa.

0.074534893035889