A renovación do canil de Frigsa contará cun circuíto agility
As instalacións do Canil de Frigsa serán reformadas por completo nuhas obras que o Concello destinará 132.950 euros co fin de corrixir as deficiencias que presenta o recinto - que ten unha extensión de 1.190 m² - debido á súa antigüidade e elevado uso.
A rexedora avanzou dalgúns dos detalles da intervención coa que se pretende mellorar no só o aspecto da dotación, senón tamén as prestacións que ofrece a mascotas e persoas. Os traballos, que terán un prazo de execución de tres meses comprenden, entre outras tarefas, a reparación das depresións do terreo e as eivas do céspede, así como a implantación dun novo sistema de rega e drenaxe.
“A nosa vontade é que sexa un espazo cómodo para todos e todas as usuarias que o visiten, por iso, o canil contará con dúas áreas estanciais tipo parklet, con bancos e papeleiras, estando dotada, como mínimo, una delas dunha estrutura de cuberta tipo pérgola ou similar que protexa da intemperie e favoreza a socialización en condicións de confort”, afirmou Lara Méndez.
A alcaldesa explicou que para o correcto deseño da nova área tivéronse en conta diferentes criterios cos que, por unha banda, se garanta nel a seguridade e o benestar pero tamén a utilización adecuada da infraestrutura.
Así, “todo o ámbito terá unhas dimensións proporcionadas, con espazos amplos para a convivencia, nos que en todo momento se manterá a visibilidade. Disporá de boa iluminación, de dobre porta de acceso de peche automático mediante resorte hidráulico e de bancos cubertos na parte inferior para evitar que as mascotas poidan lesionarse. Precisamente o chan será de pavimento brando nas zonas de xogo onde se instalará un circuíto de agility composto de balancín, slalom e túnel para o lecer e amaestramento dos cans. Haberá zona de lavado e peiteado, bebedoiros sen retención e contedores de residuos orgánicos, entre outros equipamentos”, referiu Méndez.
Actuacións, todas elas, segundo apuntou a rexedora, nas que se priorizou o emprego de materiais naturais, atendendo a un deseño respectuoso coa contorna.
Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández, deu conta de que un cerramento vexetal, con malla tipo hercules, pechará o terreo, situado no Parque da Milagrosa, que, na súa meirande parte será de xabre compactado, conservándose unha zona verde no perímetro sueste.
“Instalaremos novas papeleiras apropiadas para a recollida dos residuos que se xeran nas instalacións e habilitarase unha zona de limpeza animal, composta de bañeira e mesa así como dispensador de luvas e bolsas refugables que facilitarán o aseo das mascotas”, engadiu o concelleiro.
Fernández avanzou tamén que neste espazo se colocará unha superficie pétrea para evitar que, unha vez lavados, os cans volvan ensuciarse e facilitar a limpeza e desinfección por parte dos servizos municipais.
Xa ao respecto da súa utilización, o concelleiro indicou que Medio Ambiente colocará un cartel informativo coas normas de uso entre as que destaca o acompañamento obrigado e a vixilancia do can, tanto dentro como fora do recinto, o uso do colar en todo momento - por se hai que separar animais - e a saída da área canina ante calquera indicio de agresividade.
“O acondicionamento da zona será, por tanto, total para facela atractiva e versátil, posibilitando a convivencia nun entorno amable non só para os seus principais destinatarios, os animais, senón tamén para as persoas que os acompañan de maneira que os coidados e a atención que lles dispensan os poidan levar a cabo nun lugar que resulte agradable para ambos e de forma respectuosa co resto da veciñanza”, concluíu Miguel Fernández.