A renovación e ampliación do parque infantil da rúa Aviador Parga Cerezo xa está en marcha

LugoXa
A renovación e ampliación do parque infantil da rúa Aviador Parga Cerezo, preto do colexio Rosalia de Castro, xa está en marcha
Parque colexio Rosalia de Castro
6 Mar 2023

O parque infantil da rúa Aviador Parga Cerezo, situado nas inmediacións do CEIP Rosalía de Castro será renovado e ampliado segundo avanzou a alcaldesa, Lara Méndez quen subliñou que “continuamos avanzando na renovación das áreas de xogo da cidade para ofrecer aos máis pequenos espazos cómodos e seguros de ocio e recreo”.

“Deste xeito, investiremos preto de 50.000 euros para reformar este parque infantil moi frecuentado polos nenos e nenas do barrio e do colexio Rosalía de Castro, respondendo ao mesmo tempo a unha demanda veciñal”, explicou Méndez.

A intervención suporá, ademais dunha mellora estética xeral do recinto -tendo en conta que a área presenta un notable desgaste polo seu elevado uso-, a súa ampliación, o que permitirá a instalación dun novo multixogo, composto por dous tobogáns, rede de escalada, e outros elementos que mellorarán a capacidade lúdica do parque e o divertimento dos pequenos.

A ampliación, nunhas dimensións de 4,00x10,5 metros, levarase a cabo cara o lindeiro suroeste do recinto, dentro da zona verde existente. Instalarase un novo pavimento que será de caucho de cores, e que incorporará xogos no propio chan seguindo a estética dos parques recentemente renovados e que incentivará o desenvolvemento da coordinación das actividades físicas e mentais dos nenos.

Por outra banda, tamén se levará a cabo unha mellora das condicións de seguridade da instalación, coa adaptación á normativa vixente dos elementos de xogo existentes e reubicación dos mesmos na nova superficie da área. Deste xeito, repararanse e acondicionaranse algúns xogos existentes, mediante o seu lixado, pintado, vernizado, e a reposición de pezas deterioradas.

Así mesmo, retirarase o tobogán actual que se atopa deteriorado e non se considera apto para a súa reparación, e substituirase polo novo multixogo, de maiores dimensións, e indicado para idades de 3 a 12 anos. Finalmente, os traballos tamén contemplan a desmontaxe do valado e a colocación dun novo de tipo metálico.

O importe total da actuación ascende a 48.339,5 euros e o prazo máximo de execución das obras será de tres meses. O Concello segue avanzando, deste xeito, na renovación e mellora dos parques infantís da cidade, atendendo o plan deseñado no mandato para arranxa os parques así como ás demandas das persoas residentes nos diferentes barrios da capital e que, neste caso, instaban ao acondicionamento do recinto debido a que o volume de usuarios das dotacións redundou tamén no seu desgaste.

0.20571994781494