A reparación do colector de saneamento da rúa Catón implica un corte de tráfico ata o 13 de marzo

O Concello de Lugo iniciará esta semana os traballos previstos para reparar o colector de saneamento situado na Rúa Catón, unha intervención necesaria para solucionar a avaría detectada neste punto da rede municipal e que tamén provocou afeccións na propia calzada. A actuación poderá executarse agora que o descenso do caudal do río Rato permite traballar con seguridade no lugar exacto da incidencia.
A voceira municipal, Ana González Abelleira, explicou que se trata dunha actuación planificada desde hai varias semanas e que estaba condicionada a que se desen as circunstancias adecuadas para acceder á zona e realizar os traballos con garantías técnicas. Segundo indicou, trátase dunha infraestrutura básica do sistema de saneamento da cidade e, ante incidencias deste tipo, resulta fundamental actuar con rigor técnico e no momento no que as condicións permiten intervir con seguridade.
A intervención permitirá reparar o tramo do colector danado na rúa Catón e actuar tamén sobre o deterioro detectado no firme da vía, onde se rexistran danos derivados da avaría. A concelleira sinalou que esta actuación responde ao labor de seguimento e mantemento continuado que se realiza sobre a rede municipal de saneamento, un servizo esencial para o funcionamento da cidade e que require unha atención constante.
No marco da intervención, será necesario establecer un corte completo ao tráfico rodado na rúa Catón, aproximadamente a uns 20 metros da intersección coa Rúa da Ponte, durante o período previsto para a execución das obras, entre o martes 10 e o venres 13 de marzo.
Co obxectivo de garantir a seguridade viaria e ordenar a circulación na contorna, habilitarase un dispositivo específico de regulación do tráfico. Así, na intersección da Rúa Virxe da Soidade coa Rúa do Peto instalarase sinalización de prohibido o paso agás para residentes, acompañada da indicación de calzada sen saída, co fin de evitar a entrada de vehículos alleos á zona.
Ademais, nos accesos a esta intersección colocaranse sinais de perigo por obras e de limitación de velocidade a 20 quilómetros por hora, co propósito de reforzar a seguridade na contorna da actuación e reducir a velocidade do tráfico nas vías próximas.
Tamén se reforzará a sinalización de dirección prohibida nas saídas das vivendas situadas nos tramos intermedios da rúa Catón para evitar accesos indebidos á zona da obra. Do mesmo xeito, na área concreta ocupada polos traballos e na intersección coa Rúa Casas Vellas colocaranse sinais de dirección prohibida precedidas polos correspondentes avisos de obras e limitación de velocidade.
O operativo contempla ademais a delimitación completa do ámbito de traballo mediante valado continuo, garantindo a visibilidade da intervención e a seguridade tanto para o persoal operario como para as persoas usuarias da vía. No caso de que os traballos se prolonguen durante o horario nocturno, instalaranse balizas luminosas para sinalizar correctamente o perímetro da obra.
A planificación da actuación establece tamén que se garantirá en todo momento o tránsito peonil, así como o acceso ás vivendas, garaxes e propiedades situadas na contorna da intervención, habilitando os espazos necesarios para que os desprazamentos se poidan realizar con normalidade e seguridade.
A voceira municipal destacou que esta actuación forma parte da liña de traballo do Goberno local orientada a asegurar o bo estado das infraestruturas básicas da cidade. Segundo explicou, trátase de redes que discorren baixo terra e que adoitan pasar desapercibidas, pero que resultan fundamentais para o funcionamento diario de Lugo, polo que é imprescindible realizar un seguimento constante e actuar con rapidez cando se detecta unha incidencia.
González Abelleira subliñou tamén que o Concello continuará desenvolvendo este tipo de intervencións para garantir o correcto funcionamento das infraestruturas municipais e manter unha cidade ben xestionada, con servizos públicos eficaces e cunha planificación rigorosa das actuacións no espazo público.