A Reserva da Biosfera dos Ancares suma tres novas entidades ao seu órgano de participación

A Reserva da Biosfera dos Ancares, xestionada pola Deputación, reforzou o seu órgano de participación coa incorporación de tres novos membros: a Asociación Cultural Deiquí, a comunidade de montes veciñais en man común Travesa do Comeal e a asociación de mulleres rurais Argalleiras. A decisión foi adoptada polo órgano reitor do territorio na reunión celebrada esta mañá no edificio multiusos de San Román de Cervantes.
A Asociación Cultural Deiquí desenvolve o seu labor na recuperación e posta en valor da cultura tradicional da comarca dos Ancares, mentres que a comunidade de montes Travesa do Comeal traballa na xestión e aproveitamento sostible dos recursos naturais. Pola súa banda, a asociación de mulleres rurais Argalleiras centra a súa actividade no impulso das mulleres que viven e traballan no rural a través de accións de formación, apoio e acompañamento.
Con estas incorporacións, o consello consultivo da Reserva da Biosfera dos Ancares pasa a estar integrado por un total de 36 entidades, ademais dos tres concellos que conforman o territorio —Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá— e dos tres grupos políticos con representación na institución provincial.
Na mesma sesión, o órgano reitor deu luz verde á proposta de programación de actividades para a anualidade 2026, dirixida a públicos de todas as idades. Como en exercicios anteriores, o calendario inclúe dúas iniciativas por trimestre e por concello, cunha ampla variedade de accións que abranguen talleres de olería, apicultura, elaboración de xabón ou enxertos, xornadas de micoloxía, cantigas e baile tradicional, campamentos infantís centrados na ciencia e na diversidade, así como charlas divulgativas sobre as pallozas.
Durante as reunións dos órganos reitor e participativo tamén se presentou a memoria das actividades desenvolvidas ao longo de 2025, xunto cos traballos realizados para a posta en marcha do Destino Turístico Starlight Ancares Lucenses e as actuacións estratéxicas da Reserva que marcarán a folla de ruta do ano 2026.